Mos | Esta tarde celebrouse a inauguración do Centro de Día da Comunidade de Montes Torroso “O Son do Regueiro”, que contou coa asistencia do Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a Conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Tamén estiveron presentes membros do GDR, o Presidente da Comunidade Montes Torroso, Camilo Grandal, demais membros da Comunidade de Montes de Torroso, membros Asodifisi (que xestiona o Centro xunto coa Comunidade de Montes), entre eles a súa última presidenta, Asunción Carrera Monroy, membros da Corporación Municipal, a deputada autonómica, Feli Rodríguez Carrera, Jaime Sío Carrera, maior da parroquia de Torroso que se encargou de descubrir a placa conmemorativa, traballadores/as do centro e veciñanza. O acto foi conducido polo presentador Alejandro Pérez.
O novo Centro de Día dinámico de Torroso está habilitado para dar servizo a 40 usuarios. Conta cunha superficie construida de 434 M2 máis 300 M2 de zona axardinada. As dotacións das que consta a instalación son: comedor, sala polivalente, sala de actividades, sala de rehabilitación, sala de curas e enfermería, despacho de administración, vestiarios, 2 baños, cociña, terrazas e zona axardinada.
A inversión total realizada no Centro de Día, xestionado pola Comunidade de Montes de Torroso e Asodifisi (Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos) ascende a 1.218.020,32€. A subvención aportada pola consellería de Política Social da Xunta de Galicia é de 513.174,05€, a Comunidade de Montes de Torroso financiou 504.846,27€ e a axuda que aporta AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) é de 200.000,00€.
O logotipo do Centro de Día dinámico “O Son do Regueiro” foi deseñado polo Obradoiro Municipal de Emprego. En concreto os/as alumnos/as traballadores/as da Especialidade de Marketing Dixital, elaboraron 3 propostas de logo a través dos 112 debuxos dos nenos de 5º e 6º de Primaria dos 5 colexios públicos de Mos.
A Comunidade de Montes elixiu a proposta definitiva e que é hoxe, e será en diante, a imaxe do centro.