Mos | As instalacións da base do Servizo Municipal de Emerxencias e GES de Mos, sita na Veigadaña, acolleron esta tarde a entrega por parte do Concello de 400 trampas e o seu correspondente líquido atraente, adquiridos con fondos propios, como parte da campaña anual de prevención contra a vespa velutina que desde fai anos vénse desenvolvendo por parte da administración local mosense.
Na entrega estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, o coordinador dos apicultores de Mos, Serafín Arjones; e representantes do Grupo Supramunicipal de Emerxencias, GES, de Mos.
O obxectivo desta campaña é dotar aos apicultores mosenses, que durante o verán axudan ao Servizo Municipal de Emerxencias de Mos a eliminar niños de velutina, dun reforzo na loita contra esta especie invasora, baseado en medidas de prevención.
A instalación das trampas farase nas 10 parroquias por igual, a razón de 40 trampas por parroquia, e realizarana entre máis dunha vintena de apicultores mosenses que participan nesta iniciativa e que, tras a colocación das trampas, encargaranse de vixilalas para que se conserven en bo estado e controlar que conteñen a cantidade necesaria de líquido atraente, ou repoñelo en caso contrario.
A instalación das trampas comezará xa e realizarase durante o que queda do presente mes de febreiro, que é cando saen as raíñas que ata o de agora atopábanse hibernando.
Desde o Concello de Mos infórmase de que a campaña de trampas repetirase o vindeiro ano, cando se repartirán e instalarán outras 400 unidades.
Dado que cada trampa dura varios anos, deste xeito lograrase que en 2023 cada parroquia mosense conte con 80 trampas instaladas. Así mesmo, os representantes municipais, Arévalo e Costas, avanzaron que o próximo verán farase a entrega a estes máis de 20 apicultores mosenses o veleno para disparar e desactivar os niños de velutina nas dúas modalidades existentes: pértiga e escopeta.
O edil de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, declaraba esta tarde que “na prevención está a clave para poder ter un verán e un outono libre de velutinas, polo que desde o Concello de Mos, ademáis de investir nesta campaña de trampas profesionais, anímase aos particulares a elaborar trampas caseiras que poden colocar nas súas fincas”.
Para ensinar como construír estas trampas caseiras publicarase un vídeo didáctico nas redes sociais municipais.
Costas destacou para rematar que “a pesares de non ter competencias nesta materia, desde o Concello de Mos implicámonos fortemente na prevención e eliminación da vespa velutina, coñecedores da importancia que teñen campañas deste tipo e da preocupación que esta especie invasora xera non só entre o colectivo dos apicultores, senón entre a veciñanza en xeral”.
Estudo topográfico na Estrada Tameiga-Pereiras
O tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, o edil mosense de Urbanismo, José Areal, e o arquitecto municipal, Ramón Vega, reuníronse esta mañá no lugar da Pedraucha, parrqouia de Tameiga, coa empresa que nos vindeiros días vai iniciar o estudo topográfico para a nova senda peonil da Estrada Tameiga-Pereiras e que terá como paso previo a remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio.
Estanse a iniciar as conversas cos veciños da zona de cara a poder acometer a devandita senda da que inmediatamente se realizará o estudo topográfico. A primeira das xuntanzas coa veciñanza para explicarlles o proxecto realizábase o pasado 1 de decembro no Multiusos das Pozas. Por outra banda, o Concello de Mos xa ten rematado o proxecto de remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio en Tameiga, previo ao inicio da senda, co que se transformará totalmente esta zona.
A obra na contorna da Capela de San Eleuterio é o paso previo á mellora da Estrada Tameiga-Pereiras, onde se acometerá esta senda peonil. Para a acometida da devandita senda a administración local mosense atópase actualmente no punto anterior ao inicio do procedemento, consistente no comezo das conversas cos veciños da zona, antes de empezar a redacción do proxecto.
En breve comezará a realizarse o estudo topográfico, para o que xa hai unha empresa adxudicada para realizar este traballo de medición pormenorizada e así poder, a continuación, indicarlles en detalle aos veciños o trazado exacto da nova senda e o seu deseño definitivo.
Contorna da Capela de San Eleuterio
Pola súa banda o proxecto de transformación da contorna da Capela de San Eleuterio, convertirá a zona nun espazo público de calidade, con nova pavimentación e dotación de vexetación, arboreda, iluminación e instalacións urbanas, establecendo prioridade peonil na totalidade do ámbito, de 4.800 m2 de superficie, mellorando as condicións de accesibilidade e poñendo en valor os elementos catalogados. Unha mellora que beneficiará á zona da Capela e o cruceiro de San Eleuterio.
Proponse a plataforma única como solución idónea de convivencia entre o peón e o vehículo, desdibuxando os límites entre a zona peonil e a zona de rodadura, permitindo que os viandantes poidan apropiarse desta zona de tránsito motorizado, que se establece no perímetro Sur e Este de o ámbito, no camiño Laxiñas e a estrada Tameiga-Pereiras. Este vial perimetral proxéctase con pavimento de formigón puído con xuntas abertas entreveradas en céspede, marcando sutilmente a zona de rodadura mediante xuntas de retracción, plantación de arces vermellos e farois de iluminación dobre.