Mos | O Concello de Mos mantén o seu compromiso anual de desenvolver un Plan de Mellora de Camiños Municipais en aras de optimizar a seguridade vial no viario local.
O Plan que se executará durante o presente ano 2022 xa está aprobado e iniciado o procedemento de contratación da empresa que acometerá as obras de mellora da pavimentación.
O inicio do expediente levouse esta mesma semana a aprobación en Xunta de Goberno Local, segundo informaron a alcaldesa, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto.
Con este contrato, que se financia con fondos propios da administración local mosense e ascende a preto de 400.000 euros, mellorarase a seguridade viaria mediante a reposición do firme en 17 camiños municipais de todas as parroquias mosenses, que suman unha lonxitude total de 5 quilómetros.
O Concello de Mos ten como obxectivo que o viario municipal se atope nas mellores condicións de uso, o que supón un garante na seguridade viaria, é por elo que se promoven estes 17 novos asfaltados no termo municipal.
Ademais, próximamente iniciarase tamén o procedemento de contratación da mellora da Estrada da Vía na súa lonxitude total de 3,5 quilómetros. Obra que se financiará con cargo ao Plan Concellos cun importe de 354.928,61 euros.
X Solidaria
Persoas profesionais e usuarias de COGAMI, encabezadas polo seu presidente provincial, Ángel Holguera, e acompañadas pola Alcaldesa de Mos, Nidia Mª Arévalo, e as concelleiras de Política Social e Educación mosenses, Sara Cebreiro e Julia Loureiro, respectivamente, reuníronse esta mañá no Multiusos das Pozas para facer un chamamento á cidadanía de cara a marcar o X Solidario á hora de facer a declaración da renda.
Foton preto de trinta persoas as que se xuntaron para a lectura dun manifesto que recolle as principais reivindicacións dos colectivos sociais así como información dos programas que se poñen en marcha cada ano grazas ás persoas contribuíntes que marcan o X Solidario.
As entidades que conforman o Terceiro Sector queren lembrarlle á cidadanía que marcando a casiña de “Actividades de Interese Social” conséguese que un 0,7% dos nosos impostos se dediquen proxectos e programas a favor da inclusión social de persoas con discapacidade, mulleres, infancia e programas de cooperación…
Coincidindo co inicio da campaña para a presentación da Declaración da Renda, as ONG galegas representadas por EAPN Galicia, Cermi Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, piden a colaboración da cidadanía para que marque o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, coñecido como X Solidaria.
Ante a realidade que estamos vivindo actualmente, faise vital contribuír ao funcionamento das entidades que loitan contra á exclusión social e a pobreza. As ONG prestan servizos esenciais na loita contra o COVID-19, a crise social e económica actual pola inflación e a guerra de Ucraína, apoiando e defendendo os dereito das persoas máis vulnerables. Este traballo é posible co X Solidario.
O financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF é necesario e fundamental para que moitas ONG galegas poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas, veciñas e veciños cos que convivimos.
Xa foron moitas as persoas que na campaña anterior colaboraron marcando a X Solidaria en Galicia: 744.082 persoas, o que supón o 54,94% do total das contribuíntes. Comparado co ano anterior, foron 8.377 persoas máis as que marcaron o recadro de Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social.
Con este xesto recadáronse 19.635.313€, unha cantidade de 26,39€ por persoa, permitindo recadar a cantidade de 342.930€ máis. Todos estes fondos recibidos durante a campaña do ano pasado, recaeron en 141 organizacións galegas de acción social que puideron levar a cabo máis de 500 proxectos que beneficiaron de xeito directo a 105.000 persoas maiores, con discapacidade, enfermas de cancro, mulleres vítimas de violencia machista, xente moza, nenas e nenos,…
Todas estas persoas son usuarias de programas como o de teleasistencia, apoio ás persoas con discapacidade e familias, educación para a saúde, centros de atención integral para as mulleres diagnosticadas de cancro de mama, residencias, atención a persoas xordas na súa contorna sociofamiliar, atención a mulleres en dificultade social, centros de día, atención a persoas sen fogar, erradicación de violencia de xénero, atención á poboación rural desfavorecida e programas de voluntariado, transporte en vehículos adaptados, entre outros moitos.
Dende as entidades sociais temos o punto de mira nas 610.363 persoas contribuíntes que seguen sen marcar o X Solidario. Destas, foron 494.714 as que non marcaron ningún recadro e 115.649 as que só marcaron o recadro da Igrexa. Se todas as galegas e galegos marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 32.540.813€, é dicir, 12.905.500€ máis dos recadados.
A nivel estatal, a campaña da renda do exercicio anterior recadou no Estado 386.865.257€ que procederon das 11.646.682 persoas que marcaron o recadro 106 de Actividades de interese social da X Solidaria na declaración da renda.
Non obstante, a recadación baixou 345.503€ (-0,61% respecto ao ano anterior) debido á incidencia da crise provocada pola pandemia.
#emerXencia SOLIDARIA
Unha trintena de persoas entre profesionais e usuarias de COGAMI presentaba no Multiusos Pozas de Mos, espazo cedido polo Concello para este día, a campaña do X Solidario.
O éxito da campaña do ano anterior debeuse a que se recoñecía o traballo de milleiros de persoas que traballan ou son voluntarias en organizacións de acción social, loitando contra a pandemia, coa crise económica e social actual e que seguirán facéndoo. Neste ano queremos encher as redes sociais coas etiquetas #emerXenciaSOLIDARIA e #MarcarLaXesLoNormal
Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcando o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, nin se paga máis nin se recibe menos cartos no caso de devolución e, como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.
Máis información:
www.xsolidaria.org
EAPN Galicia / CERMI Galicia e Plataforma de ONG de Infancia. 698 127 110
Marcar o X Solidario non custa nada.
Nin pagas máis, nin che devolverán menos.
Se xa se marca a casiña da Igrexa, marcando tamén a de ‘Actividades de Interese Social’, pódese axudar o dobre.
Decidir e elixir que queres que se faga cos teus cartos é un dereito que non todo o mundo pon en práctica. O noso obxectivo é que a xente marque o recadro e decida.
Porque ao facer isto NIN pagamos máis NIN imos recibir menos cartos no caso das devolucións. Do que hai que pagar na Declaración do IRPF o Estado saca un 0’7% para que ti decidas en que se vai gastar.