Mos | O Concello a través do programa CoidaMos da concellería de Medio Ambiente pon en marcha o plan ‘Ti tes a chave’ de implantación do contedor marrón de residuos orgánicos ou fracción orgánica e distribución de composteiros
O segundo tenente de alcaldesa e concelleiro de Coordinación Xeral e Bo Goberno de Mos, Leo Costas, e a concelleira de Medio Ambiente mosense, Laura Méndez Senlle, achegáronse esta mañá ao alto de Puxeiros, onte se atopa instalado un dos puntos informativos sobre a campaña ‘Ti tes a chave’ que hoxe se pon en marcha.
Nestes puntos a veciñanza mosense pode conseguir o seu kit para comezar a facer uso dos colectores marróns de fracción orgánica, que se instalarán próximamente nas rúas, ou ben solicitar un composteiro individual no caso dos propietarios de fincas, interesados en elaborar o seu propio compost. Neste segundo caso os beneficiarios dos composteiros poderán elaborar o seu propio compost natural de calidade para usar na horta reducindo o uso de fertilizantes químicos e pesticidas.
O kit para uso dos colectores marróns inclúe un caldeiro aireado marrón de 10 litros, bolsas de compostaxe para os primeiros usos e a chave do colector marrón de rúa no que depositar os restos da materia orgánica cando o caldeiro estea cheo, todo totalmente de balde.
Os puntos informativos desta campaña, son atendidos por dous Mestres composteiros, e permacecerán activos durante as xornadas de hoxe e mañá nas seguintes localizacións: luns, 1 de xullo de 10.30 a 13.30 h no Alto de Puxeiros, e de 15.30 a 18.30 h na Urbanización de San Eleuterio (Tameiga). Mañá martes, 2 de xullo de 10.30 a 13.30 h na Avenida Sanguineda (xunto á farmacia) e de 15.30 a 18.30 h na Urbanización San Rafael (Pereiras).
Neles dáse información sobre o contedor marrón de residuos orgánicos ‘Fracción orgánica’ e sobre o composteiro, e a utilidade de ambos. No contedor marrón os residuos orgánicos son recollidos de forma independente polos servizos municipais e transportados, posteriormente, á planta de compostaxe máis próxima. O contedor marrón coñécese como o colector que devolve vida. No contedor marrón os orgánicos deben depositarse en bolsas compostables. Xunto co contedor azul, o amarelo, o iglú verde, o xenérico, e agora o marrón, que é o quinto contedor, péchase o círculo da economía circular.
“A introdución do contedor marrón é un paso crucial para cumprir cos obxectivos europeos e facilitar a recollida e reciclaxe de residuos orgánicos, contribuíndo así a preservar a nosa riqueza natural e construír un futuro sostible para todos. Péchase o ciclo de recuperación da materia orgánica e obtense un produto final, o compost, que achega nutrintes ao solo e mellora a súa estrutura, substituíndo aos fertilizantes artificiais. Redúcese a presenza de materia orgánica no contedor xenérico, priorizando a súa reciclaxe e diminuíndo a valorización enerxética da mesma. Increméntase a cantidade e calidade do resto das fraccións recollidas selectivamente, garantindo un maior reciclado” declararon os representantes municipais, Méndez Senlle e Costas.
Os edís mosenses concluíron salientando que “en Mos compostamos cos novos colectores de recollida orgánica e a veciñanza pode informarse estes días nos nosos stands e solicitar a súa chave. Se aínda non teñen o seu composteiro poden pedilo tamén”.