Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente Sostible mosense, Leo Costas, informaron de que o Concello xa ten determinada a localización para o parque para cans pioneiro en Galicia, que se construirá con financiación autonómica. A área de lecer canina integrarase no xa existente parque de Sanguiñeda, zona recreativa de gran extensión na que conviven o parque da auga, parque infantil, espazos verdes… e agora incorporará tamén un parque específico para cans.
O parque para cans de Sanguiñeda consistirá nun proxecto piloto innovador que irá máis aló dun clásico parque con permiso para acceso a cans, será un espazo especialmente habilitado para eles, con elementos para a práctica de ‘agility’ tales como tubos, balancíns, postes para facer zig zags, merendeiro con mesas para os donos, etc.
“Segundo declarou o edil de Medio Ambiente, preténdese crear un área de esparcemento canino duns 1.500 metros cadrados de superficie e cun orzamento aproximado duns 50.000 euros”
Segundo declarou o edil de Medio Ambiente, preténdese crear un área de esparcemento canino duns 1.500 metros cadrados de superficie e cun orzamento aproximado duns 50.000 euros.
Esta área de lecer pretende dar servizo aos veciños e veciñas de Mos donos/as de cans, xa que na localidade mosense non existe a día de hoxe ningunha zona específica para cans. Este novo parque será ademais un lugar de encontro, unha zona verde agradable da que poida gozar a veciñanza mosense e sexa incluso un reclamo para visitas de xente doutros municipios; e que incluso poida acoller excursións de escolares que acudan ao parque para realizar actividades educativas con cans.
Está previsto que o parque estea dividido nunha zona para cachorros e outra para cans adultos, ademais dunha zona de ‘agility’ pensada para a actividade física das mascotas. O resto do parque constitúe unha zona xeral de esparexemento.
O parque constará dun valo que o rodee completamente, que non teña ocos por onde poidan escapar os cans, unha entrada pechada, con dobre porta a ser posible (de xeito que sexa un sitio seguro, sen risco de que se perdan ou poidan ser atropelados); espazo suficiente para que os que máis necesiten queimar enerxía poidan facelo; bancos para se sentar os donos, zonas con sombra, cubos para o lixo e bolsas para recoller excrementos, as máquinas para exercicio dos cans anteriormente citadas, iluminación, estacionamento para vehículos, e zonas con algún bebedoiro onde os donos lles poidan botar auga aos cans, ou fontes.
O chan do parque estará acabado con area húmida, un material adecuado para a pisada dos cans. Para o acceso ao parque estableceranse unhas normas de uso responsable dirixidas aos propietarios de mascotas que acudan ás instalacións. Deberán empregalas de maneira responsable, atendendo sempre ao cumprimento da normativa vixente. Para iso, instalarase un cartel informativo á súa entrada no que se atoparán as principais normas de uso por parte dos usuarios.
O acceso ao parque estará permitido só aos cans que estean correctamente identificados e acompañados do seu propietario ou responsable maior de idade. Os propietarios deberán velar polo cumprimento de obrigacións básicas como pechar as portas dos recintos, recoller excrementos da súa mascota e velar polo seu bo comportamento. Non estará permitido o acceso ao recinto ás cadelas en estado de celo, os cans con carácter agresivo ou aqueles que leven elementos perigosos, como colares punzantes que poidan supoñer riscos a outros cans.
A idea deste proxecto é crear un parque / recinto para cans tratándose dunha infraestrutura existente en moi poucas localidades. En España, 1 de cada 4 fogares ten can e en Galicia estes últimos anos o censo de cans creceu notablemente sendo Pontevedra a provincia con máis cans por habitante.