Mos | O equipo de goberno do Concello de Mos, encabezado pola alcaldesa, Nidia Arévalo, pronunciouse hoxe novamente sobre o estado da A-55 ao seu paso pola localidade mosense, ante a desesperación manifesta que comeza a facerse insostible entre a veciñanza da parroquia de Tameiga.
Aínda que recentemente se anunciou o asfaltado integral da Autovía durante o vindeiro verán “non nos cremos xa as promesas do Goberno Central que leva anos incumprindo e a día de hoxe a situación é xa límite”, declaran desde o Concello mosense. É por elo que anuncian que se iniciou a organización da convocatoria dunha mobilización veciñal de protesta que se celebrará proximamente e o antes posible, para esixir ao Ministerio de Transportes a mellora inmediata da totalidade da A-55 na que se xogan a vida 60.000 condutores a diario e na que o asfalto se atopa nun estado lamentable, cheo de buracos.
Os maiores problemas concéntranse á altura das curvas de Tameiga en dirección a Tui, na contorna da saída 10, zona na que as fochancas reaparecen nos mesmos puntos nos que se parchea.
“Desde o Ministerio non parecen ter pensado poñerlle fin ao mal estado da autovía A-55 máis aló de tratamento puntuais e insuficientes, polo que desde Mos estamos xa fartos e anunciamos unha vindeira mobilización para esixir unha solución intergral, eficaz e inmediata”, informaron a alcaldesa e o seu goberno local.
“Como unha autovía que é o Eixo vertebrador da área metropolitana e pola que pasan milleiros de condutores a diario pode estar nun estado tan lamentable? Fochancas, falla de visibilidade, de iluminación e de sinalización… esa é a realidade da A55. Unha realidade da que somos testemuñas os mosenses todos os días. Reclamamos que o Ministerio asuma dunha vez por todas o digno mantemento da A55 asignándolle a correspondente e necesaria partida económica, posto que se trata dunha das vías máis perigosas e deterioradas de España, con maior sinistralidade e, paradóxicamente, das que máis recada en multas por radar.
Polo que esiximos a inversión pertinente para que sexa segura e non unha autovía tercermundista como é actualmente. E para esixilo, chegou agora o momento de movilizarnos, visto que non nos queda outra alternativa”, concluíu Arévalo, rexedora local mosense.
Mos leva anos facendo reclamacións sobre a A55 que sempre foron desoídas polo Ministerio, sen ir máis lonxe aprobouse por unanimidade no Pleno de xaneiro deste ano unha moción para instar a Transportes a solucionar a problemática das infraestruturas viarias que atravesan o Concello.
O óptimo mantemento da A55 e A52, conexión da N550 coa A55 dirección Tui, e a liberación da peaxe da AP9 en O Porriño, foron algunhas das reclamacións que se lle realizaron ao Ministerio tras a aprobación da moción plenaria e sobre as que nin se pronunciou nin actuou.