Mos | O Pleno do Concello de Mos aprobou esta mañá por unanimidade dos seus membros a Modificación do Regulamento de Axudas de Emerxencia Social Municipal.
O programa de axudas de emerxencia social municipal púxose en marcha no ano 2012, polo que desde o departamento de Política Social advertiuse a necesidade dunha nova adaptación do texto normativo que poida dar resposta ás novas problemáticas sociais, e solucións máis axeitadas ás diferentes demandas das persoas e familias.
As modificacións aprobadas co voto unánime de todos os membros da Corporación Municipal son: No artigo 2. Criterios Xerais. Requisitos Específicos. No apartado 2, redúcese a esixencia de antelación mínima de residencia no Concello de Mos a 3 meses, en lugar de 6 meses.
Suprímese o apartado 4, “Estar ao corrente das obrigas tributarias co Concello de Mos. No caso contrario solicitude de fraccionamento de débeda cuxo cumprimento será tido en conta para a concesión de futuras prestacións de igual natureza”.
No punto 6, substitúese o importe do IPREM polo do SMI como referente para ter en conta o límite de ingresos computables, quedando redactado do seguinte xeito: Que a unidade familiar non supere o límite de acumulación de recursos: Un membro 80% do salario mínimo interprofesional (SMI), con dous membros engádeselle ao anterior un 15% do SMI e así sucesivamente con cada membro a maiores.
Modifícase o artigo 3 relativo aos ingresos computables para facilitar o acceso ás axudas aos colectivos mais vulnerables: Considéranse ingresos da unidade familiar, os rendementos de traballo netos ou calquera prestación/pensión periódica líquida dos tres últimos meses, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias, os rendementos de bens inmobles e o capital. Dos ingresos anteriores deduciranse os gastos derivados do alugueiro ou crédito hipotecario de amortización da vivenda ata un máximo de 500 € ao mes, e ademais deduciranse os copagos dos servizos ou libranzas establecidos na resolución do programa individual de atención (PIA) do sistema de dependencia.
No caso de contas bancarias serán computables os ingresos a partir de 1.000 €, os cales se dividirán entre 12 para calcular a parte proporcional mensual. Non se computarán como ingresos, os de carácter finalista para formación regrada, a prestación familiar por fillo a cargo do INSS para menores de 18 anos, o complemento de axuda á infancia e as libranzas do sistema de dependencia.
No artigo 10, engádese unha referencia ao inicio do cómputo do prazo de penalización nos casos de incumprimento da obriga de xustificación. No artigo 12 relativo a presentación de solicitudes e documentación a achegar, inclúese entre a documentación a presentar a achega, no seu caso, da resolución de PIA de dependencia, para acreditar o importe da libranza a deducir ou a non ter en conta como ingresos computables. Certificado de discapacidade e/ou resolución de PIA dependencia, no seu caso.
Así mesmo, elimínase a obriga, por parte do Concello, de comprobar de oficio os datos relativos ás débedas “(…) incorporando ao expediente a seguinte documentación: -Xustificantes de débedas coa facenda local…”, que deixa de ser necesaria en razón da natureza de prestación asistencial que lles confire a estas axudas a nova redacción da Lei de Subvencións de Galicia.
Finalmente, todas as referencias ao termo “subvención” e “subvencional” substitúense polo de “axuda” ou “asistencial” debido á antedita modificación, que cualifica as axudas de emerxencia social como prestacións de carácter asistencial.