Mos | Un total de 85 usuarios/as de COGAMI, EVD Galicia, Doral Residencias, Aceesca e ALENTO Asociación de Dano Cerebral, participaron esta mañá, nos exteriores do Multiusos das Pozas no encontro ‘Mos móvese con La Vuelta 21’ organizado por DisCamino, EVD Petelos e o Concello de Mos.
De 11.00 a 13.00 horas da mañá realizáronse obradoiros ao aire libre de chapas e pulseiras, circuíto en bicis adaptadas a cargo de DisCamino; e houbo música e animación a cargo de Mikaela Sánchez, do grupo mosense M3, e clase de Zumba.
Os e as participantes neste encontro ao aire libre estiveron acompañados por concelleiros/as membros do equipo de goberno local, tales como o edil de Deportes, José Areal, xunto con Julia Loureiro e Gonzalo Alonso.
Os obxectivos desta iniciativa, enmarcada no programa de actividades municipais con motivo da meta da etapa 20 de La Vuelta 21 en Herville o vindeiro 4 de setembro, son “achegar o deporte e as diferentes prácticas deportivas a colectivos de persoas con capacidades diferentes, fomentar e promover un Mos inclusivo e vencellar unha competición de renome e moi coñecida e popular entre o gran público como é La Vuelta Ciclista a España.
Con accións como esta potencian valores sociais de convivencia, inclusión, etc. que cómpre afianzar e impulsar” declararon hoxe os representantes municipais presentes no evento, que contou cos necesarios controis e medidas preventivas ante a COVID-19 que marcan os protocolos actualmente en vigor.