Mos | A concelleira de Atención Veciñal, Medio Ambiente, Mantemento de Zonas Urbanas, Parques e Xardíns, Laura Méndez, recibiu esta mañá en nome do Concello de Mos o premio da Xunta de Galicia e Ecoembes obtido tras participar na cuarta edición da iniciativa Únete ao reto.
Mos recibe deste xeito unha contía de 1.500 euros que debe ir destinada a financiar un proxecto social local. O obxectivo desta iniciativa era fomentar a reciclaxe de envases de plástico, latas e briks en contedores amarelos en 11 concellos das catro provincias. Tan só lograron superar o reto 7 dos concellos galegos participantes. Entre eles atópase o Concello de Mos, no que se instalaron elementos publicitarios da campaña na fachada da propia Casa Consitorial e na zona do Multiusos das Pozas (onde se colocou un contedor xigante), precisamente xunto ao parque infantil temático da reciclaxe.
O reto da campaña Únete ao reto, valla a redundancia, consistía en incrementar, polo menos, nun 10 % as cifras de recuperación deste tipo de residuos con respecto ao ano anterior. Para cumprir o obxectivo, os municipios contaron con programación especial nas súas rúas durante tres meses para concienciar á cidadanía da importancia e o beneficioso que é para o medio ambiente este pequeno xesto.
As localidades que, como Mos, lograron o reto recibiron como recompensa 1.500 euros, unha cantidade que deberán destinar á causa social local que elixan. Os concellos participantes foron: Arzúa, Melide, Ribadeo, Barbadás, Celanova, Xinzo de Limia, Baiona, Mos, Nigrán, Salvaterra de Miño e Silleda; que, en total, suman preto de 140.000 habitantes. Entre as medidas que se levaron a cabo para superar o desafío, estivo a instalación de contedores xigantes e a realización actividades de concienciación a pé de rúa. Estas accións foron promovidas polos 16 monitores do proxecto, que estaiveron un mínimo de 4 días en cada un dos 11 municipios que colaboraron na campaña.