Mos/PPdeG | As candidatas do PP ao Congreso e ao Senado Ana Pastor e Nidia Arévalo, tamén alcaldesa de Mos, reuníronse esta mañá con varios veciños en Mos, diante da A-55, para reiterar o seu compromiso para dar unha solución inmediata á perigosidade “da vía máis perigosa de España”, segundo definiu a candidata popular e alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.
Xunto con Ana Pastor e a secretaria xeral provincial do partido, Luisa Piñeiro, Arévalo sinalou que “despois de moito tempo seguimos igual”, e denunciou que a autovía non ten mantemento, está parcheada e sen medidas de seguridade, sen iluminación e, practicamente, sen capa de rodadura á altura dunha autovía con esta intensidade de tráfico. “Cada día circulan por aquí máis vehículos. Esta é a vía que comunica aos 500.000 veciños da área metropolitana para traballar, para facer a súa vida e, precisamente, é a máis perigosa”, engadiu.
Por iso, dixo que ante unha situación que “preocupa a todos”, o PP está poñendo solucións enriba da mesa, “como fixemos sempre”. Nesta liña, dixo que “hai solucións inmediatas das que levamos falado moitísimo tempo, como por exemplo esa autopista que está sen vehículos e infrautilizada, que vai a O porriño e que vai a Portugal, e que pasaría pola eliminación da peaxe para que se converta na entrada e saída principal a Vigo e alivie o tráfico na A-55”.
Recordou que “levamos tempo pedindo esa alternativa. Con Ana Pastor no Ministerio de Fomento avanzamos, cos gobernos de Mariano Rajoy avanzamos e conseguimos moitas melloras, pero os momentos Zapatero, de Touriño e do Sanchismo foron garrafais para Mos”. Por iso, dixo que “basta xa”, e pediu o voto para Alberto Núñez Feijóo, que coñece de primeira man o que aquí ocorre”. E, como candidata ao Senado, comprometeuse a “traballar para dar unha solución dunha vez por todas. A primeira de todas é a eliminación da peaxe e facer unha nova entrada a Vigo e a segunda, unha medida que non afecte a Mos e que sexa respectuosa co territorio”.
Tamén Ana Pastor se comprometeu coas necesidades de Mos, e recordou que “temos un compromiso con Mos e coa área: É un compromiso importante porque pódese facer de xeito inmediata e rápido, con independencia das solucións que haxa que dar a Mos”.
Ademais, recordou que “hai proxectos feitos, que se iniciaron cando estabamos no Goberno e a través do Ministerio de Fomento, e que en cinco anos non se avanzou nada por parte do Goberno socialista”, como por exemplo o nó tan importante no que se unen tres vías no Alto de Puxeiros. “Estou falando da insonorización, da mellora do asfalto… Son medidas que os veciños coñecen perfectamente e que son solucións que hai que facer de forma inmediata. E teñen o noso compromiso”.