Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal, o edil mosense da parroquia de Pereiras, Leo Costas, e o arquitecto municipal, Ramón Vega, reuníronse esta mañá no salón de sesións do Concello de Mos co xefe do servizo provincial de Pontevedra da Axencia Galega de Infraestruturas da consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Manuel Ángel González Juanatey, para pedir á administración autonómica unha reforma integral da estrada PO 331 Porriño-Gondomar.
A parte máis afectada da mesma ao seu paso polo municipio de Mos é o tramo que vai desde o Cristo de Belén ao Colexio de Atín-Cela.
Neste tramo os representantes municipais Arévalo, Grandal e Costas solicitan un arranxo da saída no Cristo de Belén (zona de Campo de Eiró), arranxo das beirarrúas, solución a problemas en xiros e cambios de sentido na circulación indicados pola veciñanza, e rehabilitación do firme e dos afundimentos aparecidos no vial.
Na reunión, e a raíz destas peticións realizadas durante a mesma, os membros do goberno local solicitáronlle ao representante da Axencia Galega de Infraestruturas que se comece a traballar na redacción dun proxecto global de mellora integral da estrada PO 331.
Nidia Arévalo e os concelleiros do seu equipo de goberno celebraron así mesmo que, de xeito inminente, nas vindeiras semanas, se vaia acometer unha solución inmediata para a saída do Cristo de Belén na zona de Campo de Eiró.
Por outra banda, rexedora local e concelleiros avanzaron que o proxecto de reforma integral da estrada Porriño-Gondomar incluiría a renovación de todas as tuberías de canalización das redes de saneamento e abastecemento, a acometida de novas canalización para soterramento de liñas eléctricas e de telefonía, nova rede de pluviais, reposición do firme e instalación de nova iluminación pública con tecnoloxía led suxeita aos estándares e medidas de aforro e eficiencia enerxética, e deseño para a construción de dúas glorietas para a regulación do tránsito rodado en sendas insterseccións.
A PO 331 trátase dun vial estruturante cun elevadísimo volume de tráfico que acada unha media de 12.500 vehículos ao día, ao tratarse da principal conexión entre o Val Miñor e a A55. A estrada Porriño-Gondomar é unha das vías con máis densidade de tránsito da provincia de Pontevedra.
Por último, para tranquilidade da veciñanza, informouse da inmediata e urxente reparación das zonas das beirarrúas nas que se atopan baldosas levantadas mediante a retirada das mesmas e acometida de formigonado, así como o arranxo do fallo rexistrado no semáforo da Florida.