Mos | Finaliza a programación conmemorativa do Mes da Muller en Mos coa presentación do novo Plan Municipal de Igualdade. Esta tarde presentouse o IV Plan de Igualdade do Concello de Mos 2022-2025 que demostra que os mosenses son unha poboación concienciada coa igualdade.
Na fase previa de enquisas correspondente ao período de avaliación o 100 % das persoas que participaron afirma que a realización dos Plans de Igualdade é importante para o desenvolvemento do seu Concello. O 95 % das persoas que participaron na enquisa sabe o que é un plan de igualdade e o 5 % restante afirma que non.
Pero demostra tamén que as mulleres seguen a estar máis comprometidas coa igualdade que os homes: do total das persoas que cumprimentaron a ficha de recollida de información, o 86 % eran mulleres mentres que homes só o 14 %. As persoas participantes nas enquisas pertencen aos diferentes departamentos do Concello, e representantes de entidades deportivas, culturais, educativas e sociais.
Ademais da presentación do Plan, tivo tamén lugar esta tarde unha charla formativa en igualdade para implementar precisamente este IV Plan de Igualdade do Concello de Mos e como primeira actividade do mesmo, dirixida a asociacións, clubes deportivos, ANPAs e centros educativos do municipio, na que participaron un total de 25 destes colectivos. Impartida por Carmen Raña (Educadora) da Asociación de Mulleres en Igualdade de Vigo. Coa presentación do Plan e esta actividade formativa inícianse as actuacións que veñen recollidas no IV Plan de Igualdade.
Este cuarto Plan é o primeiro elaborado polo Concello de Mos contando cun CIM (Centro de Información á Muller), xa que o terceiro Plan corresponde ao período 2015-2018 (con prórroga ata a actualidade) e o CIM de Mos creouse en 2017. O CIM mosense atende a unha media de 100 usuarios ao ano e desde a súa creación prestou atención a 35 vítimas de violencia de xénero.
Este IV Plan de Igualdade é o primeiro que se crea desde que Mos ten CIM, pois cando empezou o CIM, en xullo do 2017, xa estaba en marcha o III Plan de Igualdade 2015-2018. O IV é un Plan que parte dun gran traballo desde o CIM. Este IV Plan de Igualdade vai marcar un novo impulso para a sensibilización en igualdade e a prevención da violencia de xénero no Concello de Mos, xa que parte do traballo que se vén realizando desde o CIM e, por outra banda, a situación de cambio na forma de afrontar as situacións tras a pandemia lévanos a unha reconsideración da nosa actuacións na loita pola igualdade e a prevención da violencia de xénero.
Ademais este IV Plan é máis ambicioso no que a liñas estratéxicas e medidas de actuación e intervención se refire, ampliando en 3 (pasa de 5 áreas de actuación a 8) os ámbitos nos que intervir con diferentes iniciativas de promoción da igualdade real. No documento hoxe presentado propóñense un total de 55 iniciativas, enmarcadas nas devanditas áreas de actuación, para promover unha igualdade real, e que o Concello de Mos se compromete a levar a cabo no período de vixencia do Plan (ata o ano 2025). No terceiro Plan propoñíase intervir nas áreas de formación e emprego, conciliación e benestar social, prevención da violencia de xénero, educación e participación cidadá, e eido local. Ampliándose no cuarto ás áreas de cultura, deporte e saúde a maiores das mencionadas.
O IV Plan municipal igualdade 2022-2025 do Concello de Mos conta con subvención da Deputación de Pontevedra de 5.126 € no marco das Axudas para o Fomento da Igualdade de Oportunidades e Prevención da Violencia de Xénero para concellos de menos de 20.000 habitantes do ano 2021.
Foi aprobado por unanimidade en Pleno o pasado 7 de febreiro e elabórase desde a concellería de Política Social e Igualdade do Concello de Mos e do CIM.
Tanto persoal do Concello como membros do tecido asociativo municipal participaron na fase de avaliación mediante enquisas.
O obxectivo do Plan Municipal de Igualdade é lograr unha igualdade real e efectiva en todos os ámbitos da vida municipal. O 4º Plan de Igualdade servirá de guía e marco para promover e fixar pautas de fomento da equidade entre sexos, tanto entre os traballadores e traballadoras municipais como entre a veciñanza mosense en xeral.