Mos | A concellería de Educación do Concello de Mos informa da creación dun programa municipal de becas estudiantís para intercambio lingüístico en Irlanda.
As familias con escolares no IES de Mos e que estean a cursar 3º da ESO interesadas na iniciativa, poderán participar nunha charla informativa que se celebrará a próxima semana (mércores 6 abril ás 19.30h no Multiusos das Pozas).
O intercambio Mos-Dublín farase ao comezo do próximo curso escolar, cando estes rapaces e rapazas estean a cursar 4º da ESO.
Este alumnado contará cunha subvención para custear os gastos da viaxe. De quedar prazas dispoñibles, o alumnado de 4º da ESO, interesado en realizar este intercambio e que non cumpra os requisitos das bases, poderá ir se asume o importe total do mesmo. Esta actividade lévase a cabo coa empresa Avada Sociedade Cooperativa Galega.
A finalidade do programa é mellorar a competencia e capacitación en lingua inglesa fomentando a aprendizaxe e o contacto dos estudantes con outras culturas nun ámbito internacional.
Cada unha das prazas inclúe os seguintes conceptos: Estadía durante dúas semanas na República de Irlanda. Gastos da viaxe de ida e volta dende Vigo ata Irlanda, onde se desenvolverá o programa. Monitores trilingües (inglés, castelán, galego) que acompañarán ao alumnado dende o momento da saída e ata o regreso, nunha proporción mínima de dous monitores por cada 30 alumnos participantes. Programa en réxime de inmersión lingüística e integración en escolas públicas ou privadas de Irlanda. Materiais informativos, auxiliares e didácticos adaptados aos contidos do programa. Certificado ou diploma acreditativo da realización do programa. Actividades de lecer, culturais e deportivas extracurriculares. Aloxamento en casa de familias anfitrioas de fala inglesa.
O programa consta de 60 prazas, en grupos de máximo 30 participantes e mínimo 15 participantes que se asignarán a centros educativos de integración (High Schools) diferentes en Irlanda. O programa, de dúas semanas de duración, realizarase preferentemente entre a primeira quincena de setembro de 2022 e ao longo do mes de outubro de 2022. Con todo, o calendario definitivo comunicarase aos adxudicatarios nas reunión informativas previas.
O programa lectivo complementarase con actividades de lecer (lúdicas, culturais e deportivas) fóra do horario lectivo e durante a tarde, todos os días da semana, agás o domingo, que poderá reservarse para a interacción entre o alumnado participante e as familias de acollida. Estas actividades de lecer e extraescolares desenvolveranse en inglés e guiadas por persoal especializado con coñecementos culturais adaptados a este tipo de actividades.