Mos | Esta mañá ás 08.00 horas celebrouse no salón do Concello de Mos a primeira sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local da presente lexislatura cos novos membros integrantes do equipo de goberno, a alcaldesa mosense Nidia Arévalo, e o Secretario Municipal, Carlos Piñeiro.
A orde do día incluíu un total de 16 puntos a tratar, dos cales 9 eran expedientes urbanísticos de obras, unha comunicación previa para licenza de primeira ocupación de Vivenda unifamiliar, e 6 recursos, reclamacións e outros asuntos, entre os que se atopaba a dación de conta da aprobación da selección de dúas mulleres vítimas de violencia de xénero que veñen de icorporarse á plantilla de traballadores do Concello de Mos, cun contrato de 12 meses.
Para elo a administración local mosense recibe subvención da Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia co obxectivo de seguir impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller.
Considerando que a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero acaden maior estabilidade persoal, social e laboral, a presente contratación supón un paso máis na mellora da súa inserción laboral, pois articula axudas económicas ás entidades locais para fomentar a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero e que a curto prazo non poden lograr un posto de traballo no mercado laboral ordinario.
A axuda autonómica, convocada en réxime de concorrencia non competitiva, trátase dunha subvención destinada a financiar a contratación, por parte das entidades locais galegas, de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.
A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
A contía da subvención concedida pola Xunta de Galicia á entidades local mosense é, por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar durante o período de contratación, ata un máximo de 12 mensualidades, as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.
O BNG ve “inxustificado” o incremento salarial do goberno municipal
No pleno de organización do Concello de Mos para o mandato 2023-2027, o Grupo Municipal do BNG pronunciouse en contra das novas asignacións de responsabilidades para os membros o equipo de goberno. O PP de Nidia Arévalo aprobou cinco dedicacións exclusivas e unha parcial, o cal vai supoñer un gasto anual de 198.000 en soldos de concelleiros e concelleiras.
O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, considera que se trata dunha cifra “desproporcionada e inxustificada”, atendendo á “situación precaria” da economía municipal e indica que vai supoñer un incremento de máis do 37% con respecto ás remuneracións aprobadas ao inicio do mandato anterior.
En 2019, a alcaldesa conformara tralas eleccións un goberno con catro dedicacións exclusivas e os soldos ascendían naquel momento a 144.400 euros. Na segunda metade do mandato, tras a entrada de José Areal na corporación municipal, o PP ampliou o gasto a 176.000 euros e agora as arcas públicas deberán asumir un novo incremento. “Hai catro anos, a señora Arévalo gabábase de reducir o gasto e agora di que é imposible xestionar o Concello coas catro dedicacións exclusivas que ela mesma aprobou naquel momento”, sinala Gustavo Barcia.
A propia alcaldesa apelou, literalmente, á “maioría aplastante” que o PP acadou o 28 de maio para xustificar o aumento das retribucións, un argumento que o portavoz do BNG cualifica de “hipócrita e inaceptable”. Na súa opinión, “a alcaldesa pensa que pode facer o que lle dea a gana, pero a democracia non funciona así e ela debería de sabelo”. No pleno de organización, Barcia denunciou que o PP “enganou á veciñanza” durante á campaña, xa que “nunca se atreveron a revelar as súas intencións de aumentar o gasto en soldos do goberno”.
Grupo Municipal do BNG
Tras coñecer o reparto de áreas do equipo de Nidia Arévalo, o Grupo Municipal do BNG reorganizará o seu funcionamento interno asignando responsabilidades ás tres persoas que obtiveron acta na corporación. Gustavo Barcia manterá a portavocía, pero Sara Samartín e Alberto Barreiro participarán activamente tamén nos plenos e nas comisións. “Con tres persoas, podemos triplicar as nosas capacidade de traballo, fiscalizando de maneira máis eficaz a acción do goberno e realizando, coma sempre, propostas construtivas que beneficien ao conxunto da veciñanza”, explica o portavoz nacionalista.