Mos | Hoxe plantáronse 100 árbores en Pereiras, nun acto simbólico no que participaron preto de 300 alumnos de Mos, o conselleiro de Medio Rural, José González, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, os presidentes das comunidades de montes, o vicepresidente do RC Celta, Ricardo Barros e o porteiro do club, Iván Villar.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, participou hoxe na plantación das primeiras cen árbores – dun total de mil que se plantarán no municipio- coincidindo co Día Internacional do Bosque. A acción conta coa colaboración de oito comunidades de montes do municipio, os centros escolares de primaria de Mos e o RC Celta.
Ao acto asistiu tamén o conselleiro de Medio Rural, José González, os presidentes das comunidades de montes e, por parte do RC Celta, o vicepresidente Ricardo Barros e o porteiro, Iván Villar. Cada unha das dez entidades participantes plantará cen árbores na súa contorna entre castaños, carballos e pinos, especies autóctonas dos diferentes emprazamentos.
A primeira plantación arrancou hoxe na parroquia de Pereiras, no monte da Salgueira, coa participación de cerca de 300 alumnos dos centros de Atín, Mestre Valverde de Mayo, Mestre Martínez Alonso, Petelos e Peña de Francia que estiveron acompañados por monitores especializados que lle aprenderon tamén a importancia de coidar o monte e como reforestalo.
Previamente á plantación, o alumnado de primaria participou nun obradoiro ambiental e realizou tarefas de limpeza do monte. Durante a plantación, Arévalo aproveitou a presenza dos nenos para subliñarlles a necesidade de coidar os bosques e tamén se referiu ao importante papel que fan as comunidades de montes, alí presentes. Pola súa banda, o conselleiro e Medio Rural lembroulles a importancia da loita contra os lumes e que se algún día observan un, o teléfono que atende estas situacións é o 085.
As restantes 900 árbores serán plantados nas parroquias de Mos, Dornelas, Guizán, Louredo, Petelos, Torroso e Herville así como na contorna da Cidade Deportiva Afouteza. Con esta iniciativa, as entidades participantes queren resaltar a importancia do monte e os bosques como espazos indispensables para a saúde e o benestar das persoas así como a necesidade de implicar a toda a sociedade no coidado da natureza e, moi especialmente, entre os máis pequenos.