Mos | Coincidindo co Día Mundial da Auga que hoxe se celebra, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, recibiu unha carta do alumnado de 4º B de Primaria do Colexio de Pena de Francia para pedirlle a súa axuda na participación da clase no proxecto europeo eTwinning contra o cambio climático.
Algunhas das ideas propostas por estes cativos para frear o cambio climático son non malgastar a auga corrente, non desfeitar de xeito inapropiado o lixo común nin as mascarillas, reciclar e reutilizar, entre outras.
eTwinning é a comunidade de centros escolares de Europa. Ofrece unha plataforma aos equipos educativos (profesorado, equipos directivos, persoal de biblioteca, etc.) dos centros escolares dos países europeos participantes, para comunicarse, colaborar, desenvolver proxectos, compartir ou o que é o mesmo: sentirse e formar parte da comunidade educativa máis atractiva de Europa. eTwinning está cofinanciado e forma parte de Erasmus+, o programa da Unión Europea en materia de educación, formación, mocidade e deporte.
Incluíndo aos do mosense CEIP Pena de Francia, a rede eTwinning está integrada por un total de 918.886 profesores/as, 217.277 centros escolares e 120.362 proxectos.
Os 13 alumnos/as da clase de 4º B do Colexio Pena de Francia: Fabio, Gael, Leire, Sofía, Nico, Uxía, Marta, Jose, Laura, Anxo, Ariadna, Rihana e Marcos remitiron unha misiva á rexedora local mosense que recibiu e leu hoxe xunto co concelleiro de Medio Ambiente Sostible e Mocidade, Leo Costas. Nela pídenlle á alcaldesa colaboración para poder levar a cabo o seu proxecto no municipio e “facer realidade o noso soño de loita contra o cambio climático”, como eles mesmos din na súa carta.
Entre as peticións dos rapaces figuran iniciativas que xa se están a levar a cabo no Concello de Mos, así como outras que se poderían mellorar ou implementar e algunhas a poñer en marcha. Algunhas das devanditas suxerencias son “máis puntos limpos para a recollida de obxectos contaminantes, charlas medioambientais nos centros educativos, instalación de placas solares, saídas colectivas para limpeza de montes e zonas verdes, fomento do uso de medios informáticos e electrónicos para reducir o uso de papel, fomentar o uso de bolsas de papel e tea, así como de composteiros nos fogares e de vehículos eléctricos, reducir o consumo de plástico…” etc.
Entusiasmados ante a proposta e desexosos de colaborar e participar no proxecto a alcaldesa Nidia Arévalo e os concelleiros de Educación, Julia Loureiro, e Medio Ambiente Sostible e Mocidade, Leo Costas, manterán unha xuntanza por videoconferencia próximamente con estes 13 cativos e a súa mestra, en aras de poñer en marcha as iniciativas propostas que aínda non se atopen activas e mellorar en todo o posible as xa existentes para “facer”, tal e como din os nenos na súa carta enviada á alcaldesa, “do noso Concello un lugar máis limpo e sostible, e que siga a ser un lugar agradable e bonito”. Unha carta que non podía elixir mellor data para chegar a destino como é o Día Mundial da Auga.
O Día Mundial da auga celébrase cada 22 de marzo para lembrar a relevancia deste líquido esencial. Foi proclamado pola ONU en 1992.
A pesar de que todas as actividades sociais e económicas dependen en gran medida do abastecemento de auga doce e da súa calidade, 2200 millóns de persoas no mundo viven sen acceso a auga potable. Esta celebración ten por obxecto concienciar sobre a necesidade de buscar medidas para acadar o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible: Auga e saneamento para todos antes de 2030.