Mos suspende temporalmente a actividade dos furanchos

Por decisión da Comisión de Seguemento da Evolución da COVID-19

Mos | Ás 13.30 horas comezou unha nova sesión da Comisión de Seguemento da Evolución da COVID-19 en Mos, a número 39 desde que comezara a crise sanitaria o pasado mes de marzo de 2020.

Na reunión de hoxe estiveron presentes a alcaldesa, Nidia Arévalo, concelleiros/as do equipo de goberno local e técnicos/as municipais integrantes da Comisión de Seguemento.

Abordáronse durante a mesma todos os temas relativos á evolución da crise sanitaria no municipio, a actual situación en Mos (con nivel de incidencia medio-baixo), e as medidas que inflúen ao municipio e que son de especial interese para a veciñanza. Entre elas a limitación da permanencia de grupos de persoas a un máximo de catro en espazos pechados, e de seis en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, agás que se trate de convivintes, que entrará en vigor mañá sábado 10 de abril.

Outra medida de especial relevancia é que se manterá suspendida temporalmente no Concello de Mos a actividade de furanchos. Medida que quedou formalizada por decreto e que se toma en base á situación sanitaria actual, ademais de considerarse que a hostelería precisa nestes intres máis apoio que nunca por atoparse nunha tesitura enormemente delicada.

Sen embargo, en canto se avance no proceso de desescalada e se estabilice a situación, a Comisión Municipal de Seguemento volverá a estudar a valorar a posibilidade de apertura dos furanchos. Decisión da que se informará debidamente chegado o momento.

“Anunciouse que as 6 farmacias de Mos farán tests de saliva entre os adolescentes para detectar casos positivos de Covid-19. Trátase de todas as farmacias existentes no municipio que comezarán a realizar a proba o próximo luns día 12 de abril”

E ademais anunciouse que as 6 farmacias de Mos farán tests de saliva entre os adolescentes para detectar casos positivos de Covid-19. Trátase de todas as farmacias existentes no municipio que comezarán a realizar a proba o próximo luns día 12 de abril.

As 6 farmacias mosenses, a de Mos, Puxeiros, Rebullón, Peinador, Sanguiñeda e Pereiras, comezarán o lúns día 12 a relizar o seu cribado para detectar a COVID-19. Desde as farmacias lembran que os tests poderán ser realizados por moz@s de 12 a 17 anos que deberán acudir persoalmente e aportar DNI e tarxeta sanitaria. Ademais de facilitar un teléfono móvil xa que se o resultado é negativo recibirán un SMS comunicádollo e se é positivo serán citados para PCR.

Tamén piden que os/as interesados/as en facer a proba non acodan todos o propio luns, senón que o fagan escalonadamente pois haberá tempo de sobra para realizar este cribado. Así mesmo insisten en que non deben achegarse para levar a cabo o test aqueles moz@s que teñan síntomas da COVID-19.

O procedemento consiste na recollida de saliva na casa e entrega na farmacia.
Testar ao maior número de xente posible para detectar canto antes a persoas contaxiadas e illalas. Ese é o obxectivo do SERGAS e da Consellería de Sanidade no que colaboran as farmacias, entre elas as 6 farmacias mosenses, o 100% das existentes no Concello de Mos, polo que a colaboración dos/as farmacéuticos/as deste municipio é máxima.

Como funcionarán?
O proceso é sinxelo. As boticas que se uniron á iniciativa terán dispoñibles os kits de saliva para a recollida de mostras, que se lle facilitarán a todos @s moz@s que voluntariamente queiran participar.

Cales son os requisitos?
Esta proba está dirixida ás persoas de entre 12 – 17  anos con tarxeta sanitaria. A iniciativa non está contemplada para persoas con síntomas, só para asintomáticos.

Cales son os pasos para seguir?
Aqueles cidadáns que cumpran os requisitos pódense dirixir a unha das farmacias adheridas. O farmacéutico daralle un tubo que leva un código de barras. A mostra deberase recoller á primeira hora da mañá, en xaxún e antes de lavarse os dentes. Hai que entregala na farmacia antes das 10.30 horas.

O farmacéutico/a será o encargado de recoller a mostra e rexistrala no sistema, tamén lle pedirá o número do teléfono ao paciente. A distribución farmacéutica levarao ao laboratorio. Se o resultado é negativo, a persoa recibirá un SMS no móbil, pero se é positivo citaráselle para facer unha PCR nasofaríngea.

Onde e cando?
Desde o próximo lúns día 12 de abril nas 6 farmacias de Mos

FARMACIAS DE MOS
• María Elena Villar López.  Carretera Porriño-Redondela, 160. Tlf. 986336013
• Irene Sánchez Otero.  Avenida do Rebullón, 1 – Alto de Puxeiros. Tlf. 986487094
• Leónides Vázquez Fernández.  Avenida do Rebullón, 30 – Tameiga. Tlf. 986486245
• Francisco Javier Carrillo Lema.  Carretera Peinador – Os Valos, 3 – Torroso. Tlf. 986486550
• Rodríguez Miralles C.B.  Avenida Sanguiñeda, 96 Tlf. 986330330
• Mercedes Abellás Rosende.  Carretera Porriño – Gondomar, 50 – Pereiras. Tlf. 986333487