Santiago de Compostela | A Xunta publicará mañá o contrato de licitación para a redacción do proxecto básico e de execución do futuro centro de coidados intermedios público de Mos. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, mantivo esta mañá unha reunión coa alcaldesa desta localidade, Nidia Arévalo, para revisar o seu contido.
Este será o primeiro centro destas características en toda España, xunto ao que se está a poñer en marcha no Cegadi de Santiago. Está dirixido a persoas que, tras recibir a alta hospitalaria, seguen precisando coidados e atencións.
Deste xeito, procúrase garantir a súa rehabilitación completa e evitar así, que perdan en autonomía ou se agrave a súa situación. O centro de Mos contará con 60 prazas e contará cun presuposto total de 5,4 millóns de euros.
Fabiola García lembrou que deste xeito o Goberno galego segue afondando nunha maior coordinación sociosanitaria, un dos eixos do novo modelo de coidados de Galicia. Neste sentido, destaca que os centros de coidados intermedios encherán un oco dentro do sistema de coidados de Galicia que ata o de agora non estaba sendo atendido por ningún outro servizo.