I. O mosteiro de Melón ( s.XII-s XIX): un gran Señor cun gran dominio no sur de Galicia.
Desde o século XII (fundación en 1142 ou 1158), o Mosteiro de Melón convertérase no sur de Galicia nun gran Señor cun gran dominio sobre unha ampla área xeográfica pola provincia de Ourense (Melón, Ribadavia, Avión, Allariz e Verín) e pola provincia de Pontevedra ( Vigo, 0 Morrazo, Redondela, A Cañiza, Crecente, Arbo e Salvaterra). Este poder e influencia xa se rexistra no Aravo medieval nos séculos XII-XIII e o extenso dominio continúa nos séculos XVI- XVII-XVIII.
0 mosteiro organizou a súa riqueza patrimonial e explotación dos seus dominios mediante o sistema de granxas, que eran explotacións agrícolas afastadas do mosteiro nun principio cultivadas polos irmáns conversos que residían nelas e que só acudían ao mosteiro os días festivos ou domingos para cumprir cos preceptos. Cando os irmáns leigos que se atopaban á fronte das explotacións comezaron a escasear, os monxes comezaron a admitir colonos. Con esta forma de explotación controlábase e organizábase un territorio determinado e ao mesmo tempo conseguíase unha especialización produtiva segundo a zona. Esta especialización produtiva levou ao auxe económico do mosteiro unha vez que os monxes promoveron a implantación do cultivo do cereal e de viñedos nas terras favorables para o cultivo da vide.
Se o século XV foi tempo de decadencia e desorde espiritual e moral, de situación de caos e desordes internas nas ordes monásticas, de relaxación de costumes, de abusos por parte da nobreza laica e dos señores da rexión contra as súas propiedades ( como as rapinas de Álvaro de Sotomayor e outros), a partir do século XVI o Mosteiro de Melón, incorporado á Congregación de Castela en 1506, pon en marcha unha reforma e leva a cabo unha reorganización económica dos bens monásticos para garantir con iso a subsistencia da comunidade, baseada no cobro das rendas forais e o pago decimal cun sistema centrado principalmente no cultivo do cereal, tanto de trigo como de millo ( o millo groso ou americano é introducido no mosteiro no século XVII), e de viño.