Madrid | O escultor coruñés Fran Lareo exhibe dende hoxe e ata o próximo día 31 na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia unha mostra de corenta esculturas de pequeno formato decoradas nas que usa un material a medio camiño entre a pedra e a cerámica; polo que o artista confesou ter predilección “porque me permite desenvolver a miña capacidade creativa”.
Na inauguración da mostra, Lareo foi presentado polo coordinador da Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen se referiu a el como “un artista un tanto peculiar”, que xa foi comparado con Mariscal e que manifesta a súa humildade na denominación que deu á exposición, escultura de pequeno formato, “como minimizando a súa importancia, cando eu máis ben definiría a esta mostra como unha exposición de ´ pequenas grandes esculturas ´”.
Tamén describiu as súas obras como “esculturas apasteladas, de aspecto naif, de simpáticas expresións e vivas cores,” resaltando ademais o carácter único do seu creador que “traballa cun material exclusivo, da súa invención, que fabrica persoalmente” e que enmascara coma se dunha receita máxica se tratase baixo a expresión ´diversos materiais policromados´”.
Lareo explicou que co seu traballo intenta “plasmar o meu particular visión das cousas, na que o espectador ten que sacar as súas propias conclusións, por iso moitas das miñas esculturas non levan títulos”. “Todo o proceso de creación das pezas se basea nuns debuxos/esquemas/bosquexos, utilizando soporte dixital de código aberto de software libre”, engadiu o escultor, quen elabora o seu propio material coa estrutura e forma xustas para cada peza.
O presidente da Fundación Wenceslao Fernández Flórez e xestor cultural Antonio Montero, que presenta o catálogo da exposición, afirma que Lareo “é un investigador das formas, un creativo cunha vea sentimental e cunha grande experiencia no espazo” que, di, “logra que, como dun modo aparentemente inxenuo, o que sae das súas mans para chegar de xeito milagroso ás nosas pareza talmente un milagre da natureza que non se pode explicar, pareza unha obra viva á que tan só lle falta andar, falar ou camiñar”. Resalta así mesmo que o escultor, dende Santa Minia, “pon en valor un novo Laboratorio de Formas”, ao que desexa éxitos como os que alcanzaron os de Castro e Sargadelos.
Máis información sobre o escultor e a súa obra na súa web