O Covelo | Logo do éxito que tivo a Mostra de Produtos de Covelo ao longo do pasado ano 2022, o Concello de Covelo seguirá apostando por esta cita estable na que cada primeiro sábado de mes podemos visitar a praza Mestre Cerviño do centro urbano para mercar produtos de calidade e de proximidade.
A concelleira de Turismo, Lourdes Enes, e o alcalde, Pablo Castillo, coinciden en salientar que a Mostra de Produtos non só atrae a visitantes tamén supón un momento de encontro para a veciñanza que se achega para mercar pero tamén para gozar dun momento de lecer.
Na praza Mestre Cerviño atoparemos postos de alimentación e horta, artesanía, cervexa artesá, cosmética natural, libros, maquetería, plantas, postos solidarios, xoiaría e moitas ofertas de produtos locais que non poderás atopar nas principais plataformas comerciais de venda on line.
Ademais, outro dos pratos fortes desta cita é a música e a gastronomía da hostalaría local que promove momentos agradables nos que xuntarse e conversar. Este sábado a partir das 12 horas, a sesión vermouth estará amenizada por Gure Terra con música popular e tradicional. De dez da mañá a dúas da tarde a Mostra de Produtos de Covelo agarda a veciños, veciñas e visitantes. Esta actividade, organizada polo Concello de Covelo, conta co apoio da Deputación de Pontevedra.