Salceda de Caselas/Movemento Salceda | No proceso de reserva de matrícula para o seguinte curso, 37 nenos e nenas de 0 a 3 anos volven quedarse sen praza na única escola infantil pública existente en Salceda.
Logo da polémica suscitada despois da solicitude por parte da concellaría de benestar social dunha subvención para a construción dun centro de día na parcela reservada para a segunda Galiña Azul, Movemento Salceda quere deixar claro que para a formación local a segunda Galiña Azul é irrenunciable. Lembran ademais que a necesidade desta segunda escola infantil foi aprobada por unanimidade polo Pleno da corporación, logo dun enorme traballo de diversos colectivos para a procura deste servizo.
En Salceda hai 334 nenos e nenas de 0 a 3 anos, a unha única escola infantil pública na que de novo se quedan en lista de agarda 37 crianzas, 13 de Salceda, unha cifra demasiado alta que non se pode permitir.
Xa en abril do 2018 Marcos Besada e Tere Pérez, daquela alcalde e concelleira de benestar social, presentaron o anteproxecto da escola infantil ao Consorcio, poñendo a disposición a parcela que o Concello ten ó lado do centro de saúde, tal como sabe a veciñanza, proposta que foi ratificada por Loli Castiñeira na súa etapa como alcaldesa ante o xerente do Consorcio de Benestar, Perfecto Rodríguez, e esa segue a ser a aposta de Movemento Salceda na actualidade.
Dende a agrupación local queren deixar claro tamén que en ningún momento están en contra da construción dun centro de día, infraestrutura moi necesaria e que Movemento Salceda levaba tamén no seu programa electoral. Salceda conta con 1.488 persoas maiores de 65 anos, polo que os servizos destinados a esta franxa de poboación deben ser unha prioridade, pero de ningún xeito a ubicación debe ser a reservada para a segunda Galiña Azul, polo que haberá que abrir outras alternativas.
“Debemos traballar na descentralización dos servizos, e abrir posibilidades de localización nas diferentes parroquias, recorrendo se fose preciso a posibles cesións de terreos das comunidades de montes veciñais, tal como se ten feito noutras ocasións como o depósito de augas do Alto da Forca, o campo de fútbol do Penedo Redondo ou mesmo o IES Pedras Rubias, ou incluso a edificios municipais existentes nas parroquias como é o caso das vellas escolas unitarias hoxe sen uso”, indica Loli Castiñeira, voceira de Movemento Salceda.
“A loita pola segunda escola infantil foi dende sempre un exemplo de unión entre os diferentes grupos políticos e entidades sociais do noso Concello. Temos moito andado entre todos e todas, e non debemos frear as nosas reivindicacións”.
A voceira de Movemento Salceda quixo tamén dirixirse ao Partido Popular, recomendándolle que adique os seus esforzos en conseguir que a Xunta deixe de discriminar a Salceda, e que boten unha man para que a localidade poida contar canto antes coa ansiada segunda escola infantil e co necesario centro de día.