Deputación de Pontevedra | O “Quinteto con clarinete en La maior, k. 581” de Mozart e o “Quinteto para clarinete en Si menor, op. 115” de Brahms serán as obras que a Filharmónica de Pontevedra interpretará no Castelo de Sobroso, no concello de Mondariz, o martes 11 de agosto ás 19.00 horas dentro do programa de dinamización cultural impulsado pola Deputación “Música no ar”. O concerto, que seguirá todas as novas medidas de seguridade derivadas da Covid-19, terá límite de aforo, para garantir a distancia de seguridade entre as persoas, e será obrigatorio o uso da mascarilla.
Deste xeito, o cuarteto de corda da Filharmónica de Pontevedra, composto por Sergio Heredia (violín), Carmen Gallego (violín), Alba Novoa (viola) e Carme Tubío (violonchelo), sumarase á actuación do clarinetista Francisco Javier Morgade para interpretar as dúas pezas. Este conxunto musical, de longa traxectoria, nace en Pontevedra e está conformado por profesionais do ámbito musical cunha consolidada experiencia no mundo da interpretación e da docencia.
A obra a interpretar de Mozart destaca pola súa similitude co “Concerto para clarinete” do mesmo compositor, posto que a tonalidade usada é a mesma e entre ambas existe semellanza no desenvolvemento do contido musical. Ademais, outra das características relevantes deste quinteto é o paralelismo e o equilibrio nas relacións entre instrumentos, no xogo de pregunta e resposta que o virtuoso da composición realiza con mestría. A peza de Brahms, pola súa banda, posúe un amplo recoñecemento dentro do repertorio de música de cámara. A impresión que deixou no público da época foi profunda pola súa capacidade de retrospección e os seus tons delicadamente contidos e melancólicos.
“Música no ar”, enmarcado dentro do amplo programa cultural deseñado pola Deputación de Pontevedra para o ano 2020, máis concretamente do plan provincial “Re-acción cultural”, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, procura espallar a cultura por toda a provincia, divulgar a música de cámara de xeito gratuíto e poñer en valor a todas aquelas persoas que se dedican con talento, paixón e virtuosismo á renovación do xénero musical.
Así pois, na presente semana terán lugar dúas citas máis ó abeiro deste programa. A primeira delas terá lugar o venres 14 de agosto ás 19.30 horas no Mosteiro de Poio, onde o quinteto de metais da Orquestra Filharmónica de Pontevedra ofrecerá un concerto. Pola súa banda, o domingo 16 de agosto ás 20.00 horas terá lugar un concerto da sección de percusión da Orquestra Clásica de Vigo na Carballeira de Caldas de Reis. Tódalas actuacións deste e o resto dos programas culturais da Deputación celébranse con aforo limitado e estrito protocolo anti-Covid19 para garantir a seguridade das persoas asistentes.