O Pereiro de Aguiar | O Concello do Pereiro de Aguiar e Sustinea veñen de asinar a cesión das instalacións do albergue de Ordelles para a realización de actividades en prol da veciñanza do Pereiro.
Deste xeito exáltase a satisfacción do traballo feito o ano pasado onde se desenvolveron intercambios culturais cos veciños da parroquia de Santa Ana de Chaodarcas, xornadas musicais, recollida da memoria cultural e rehabilitacións ambientais e paisaxísticas.
Este 2023 ampliaranse as actividades. Realizarase unha mellora paisaxística en espazos degradados, xogos populares internacionais e actividades para cativos do Pereiro de Aguiar. Ademais dinamizarase dende o mes de maio a aldea de Ordelles e o resto da parroquia de Santa Ana de Chaodarcas con actividades socioculturais para os veciños e veciñas.
Agárdase que por Ordelles pasen mozos e mozas de Grecia, Portugal, Letonia, Croacia, Italia, Francia, Bulgaria, Xeorxia, Holanda e Ucrania. Estes últimos participarán nun intercambio onde difundirán a situación actual do seu pais e a realidade que está a vivir.
Ademais disto, A Xunta de Galicia organizará un campo de voluntariado do 28 de xuño ao 8 de agosto no que 15 mozos e mozas de todo o mundo traballarán na recuperación etnográfica e dinamizarán e colaborarán na organización da IV edición da festa etnográfica do Pereiro de Aguiar en Loñoá.
As actividades previstas para os veciños de Ordelles e a parroquia de Santa Ana de Chaodarcas son: Acondicionamento e pintado de areas de feismo dentro da aldea e da parroquia de Santa Ana de Chaodarcas. Recollida e recuperación da memoria esquecida do noso concello con entrevistas a persoas maiores.
Actividades lúdicas para a poboacion do Concello do Pereiro de Aguiar no CEIP Ben Cho Shei. Estas actividades redundarán no beneficio do Concello do Pereiro de Aguiar e da súa cidadanía.