Burela | O 18 de decembro é a data elixida pola ONU para conmemorar o Día Internacional da poboación migrante. Ese día, en Burela, un grupo de mulleres caboverdianas celebrarano compartindo coas súas veciñas e veciños as súas historias de vida, na estrea do documental Si ka badu, ka ta biradu (Se non marchas, non podes volver). A proxección e o coloquio posterior serán ás 18h e o acceso é libre e gratuíto.
A peeza, elaborada pola ONGD galega Agareso a partir dunha investigación académica desenvolvida pola Universidade da Coruña, a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e a Universidade de Vigo, retrata a importancia que ten o traballo invisible das mulleres migrantes na supervivencia e no benestar das súas familias, tanto en Burela como en Cabo Verde.
Unha vez estreado, o documental porase a disposición de calquera persoa ou colectivo que queira proxectala en actividades sobre a relevancia dos coidados para o benestar social e sobre a contribución das mulleres migrantes ao desenvolvemento dos seus países de orixe e destino.
O documental Si ka badu, ka ta biradu explica que Cabo Verde é un pequeno arquipélago formado por dez illas de orixe volcánica e clima árido situado a uns 500 quilómetros da costa africana, á altura de Senegal. Cabo Verde foi colonia de Portugal ata 1975. O imperio colonial portugués fixo uso da escravitude de distintos grupos étnicos africanos para habitar esta terra, suxeita a secas periódicas que imposibilitan a agricultura e teñen provocado, alén de millares de mortes, a necesidade de migrar.
Dende finais do s. XVII, partiu das illas unha corrente migratoria imparable que esparexeu as familias cabo-verdianas por diversos estados e continentes. Estímase que a poboación de orixe caboverdiana espallada polo mundo supera en máis do dobre á residente nas illas. Desta diáspora forma parte a comunidade procedente de pequenas localidades da costa ocidental da illa de Santiago que desde 1978 se foi asentando na localidade galega de Burela.
Aínda que existe unha grande diversidade de tipos de familia e de proxectos migratorios, todos eles están atravesados polo desigual reparto dos traballos. Dende finais dos 70 até o ano 2000 os homes foron os escollidos nos fogares para migrar, mentres as mulleres só puideron facelo cando o marido as reagrupaba. Elas non tiñan permiso para traballar fóra de forma legal, o que levou a moitas a facelo de forma irregular, sen dereitos. Cuns maridos ausentes, traballando na pesca de altura, o seu traballo dentro e fóra das casas foi fundamental para que as familias puidesen medrar e prosperar. En Burela e en Cabo Verde. En ambos os dous lugares os coidados de maiores e das crianzas nas familias acaban implicando a moitas mulleres, tecendo así unha malla precaria de sostemento da vida que repousa sobre o seu traballo gratuíto.
Entre 1998 e 2011, a comunidade caboverdiana en Burela cuadruplicouse. Chegaron moitos mariñeiros acompañados polas súas familias e, tamén, algunhas mulleres soas, co seu propio permiso de traballo. As condicións de chegada melloraron un pouco, ao contar co acollemento de familias asentadas na localidade. O que non variou foi a ausencia masculina nos labores dos coidados, dentro ou fóra das casas, remunerados ou non.
“Entre 1998 e 2011, a comunidade caboverdiana en Burela cuadruplicouse”
A principios deste século XXI, en Burela, como noutras vilas galegas, comezou a haber unha demanda crecente de traballadoras migrantes para coidar a persoas dependentes, xa que na sociedade galega apenas existen recursos públicos nin reparto igualitario destes coidados. Así, moitas mulleres caboverdianas comezaron a traballar coidando de persoas maiores ou crianzas dos seus veciños e veciñas de Burela, mentres outras mulleres das súas familias quedan en Cabo Verde ao coidado das crianzas das migrantes e dos seus maiores, sexan nai, pai, sogra ou sogro, dependendo da configuración familiar. É o que se ten chamado “a cadea global dos coidados”, determinada tamén polas relacións desiguais Norte/Sur.
O documental amosa, así, como tanto en orixe como en destino se produce unha división do traballo que atribue ás mulleres o ámbito dos coidados, ás veces de xeito remunerado e outras non.
Si ka badu, ka ta biradu retrata, tamén, a vontade de axudar a quen quedou atrás que teñen as mulleres migrantes. As remesas, o diñeiro que as e os emigrantes envían as súas familias, supoñen cada ano máis 10% do Produto Interior Bruto de Cabo Verde (en 2021 estímase que chegou ao 19%). Pero hai moito máis. As encomendas son un vínculo fundamental entre a diáspora caboverdiana e o arquipélago. Son maletas que voan cheas de Galicia a Cabo Verde e que regresan aínda máis cheas de Cabo Verde a Galicia. O documental amosa como, a través delas, viaxan tamén os afectos pola xeografía da diáspora caboverdiana, e sosteñen familias que siguen en contacto a pesar dos anos separadas.