As Neves | A Deputación de Pontevedra e o Concello das Neves dan novos pasos para a reactivación de “Mulleres extramuros”, o proxecto que achegará a arte contemporánea ao núcleo rural de Vide.
A vicepresidenta primeira e responsable de Cultura da institución provincial, Marta Fernández-Tapias, e o alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, acompañados pola concelleira de Igualdade, Susana Gil, mantiveron un encontro na sede de Vigo da Deputación onde avanzaron nos detalles desta segunda edición do programa da institución provincial.
Ambas as dúas institucións trataron temas como o catálogo de artistas participantes ou as localizacións dentro do núcleo de Vide onde se desenvolverán os traballos artísticos, que se prevén realizar de cara a comezos deste outono. Ata agora xa tiveron lugar as dúas primeiras fases do programa, cun primeiro encontro de convivencia entre as artistas e a veciñanza (na Casa da Auga de Vide) e o deseño das propostas artísticas, algunhas das cales xa se atopan en fase de produción.
Nesta segunda edición de “Mulleres extramuros” participarán sete creadoras galegas, de España e de Portugal: Xoana Almar, do colectivo Cestola na Cachola (que é ademais a coordinadora do proxecto), Doa Oa, Nuvi & Éxfico, Ana Soler, o dúo formado por Carme Nogueira e Javier Fernández Pérez, Lucía Loren e Iva Viana. As artistas elaborarán propostas arredor da arte mural, a escultura e traballo con cerámica co obxectivo de intervir no rural de forma participativa coa veciñanza.
As súas creacións xorden froito da convivencia coa xente de Vide, inspirándose nas experiencias persoais e as historias que a veciñanza compartiu con elas, e búscase que deixen unha pegada inequívoca no territorio como elemento dinamizador do rural e un foco de atracción turística.
O proxecto rematará cun “día de festa” onde se dará a coñecer o resultado final das intervencións.