Moito se ten comparado nos medios de comunicación españois que a conversa telefónica entre Putin e Trump para iniciar negociacións de paz en Ucraína, previo á Conferencia de Seguridade que cada mes de febreiro se realiza na localidade alemá de Munich, ten paralelismos coa política de apaciguamento que Francia e Gran Bretaña tiveron en 1938 con Hitler e que terminaron no Pacto de Múnich no que o ditador alemán terminou anexionando por completo a Checoslovaquia.
Esta narrativa mediática tenta soster que o mesmo destino de Checoslovaquia podería ter Ucraína se Trump finalmente logra concretar con Putin esa negociación que, cando menos temporalmente, poña na mesa un alto ao fogo nunha guerra cada vez máis estéril para un Occidente atenazado polo “terremoto Trump” e a paciencia táctica e estratéxica de Putin.
Non debemos olvidar que foi precisamente na Conferencia de Múnich de 2007 cando Putin deu un ‘golpe na mesa’ e puxo fin á complacencia da Rusia post-soviética con Occidente, adiantando as directrices da nova reorientación xeopolítica. En 2025 non lle fixo falta facer algún tipo de discurso reivindicativo; a realpolitik terminou ditando a súa sentenza, cando menos temporal, sobre a validez dos intereses xeopolíticos rusos e a necesidade de manter o control sobre as súas esferas de influencia, Ucraína obviamente incluída.
Múnich volve este 2025 pero o contexto é bastante máis complexo que esas referencias de 1938 e 2007. Mentres o vicepresidente estadounidense J.D. Vance reuniuse nesa cidade co presidente ucraíno Volodymir Zelenski (moi probablemente para anunciarlle que Washington non conta con Kiev para esta negociación con Rusia), a conferencia de seguridade ocorre en vésperas dunhas eleccións xerais alemás onde a ultradereita de Alternativa por Alemaña (AfD), considerado un aliado do Kremlin, cabalga con forza para eventualmente formar goberno.
“Múnich volve este 2025 pero o contexto é bastante mais complexo que esas referencias de 1938 e 2007”
Este 17 de febreiro, o presidente francés Emmanuel Macron convocou en París a un cumio urxente de seguridade para fixar unha posición común europea ante o “pacto Trump-Putin”. Desprazadas da atención de Trump e Putin, a UE e Ucraína vense prácticamente incapacitadas para reconducir unha negociación na que os mandatarios de EEUU e de Rusia teñen moitos intereses comúns.
Toda vez Zelenksi pide agora a creación dun “exército europeo” para manter viva a loita en Ucraína (o que pode interpretarse como unha especie de “canto de serea”), Macron comunicouse telefónicamente con Trump previo ao cumio de París, o que traduce que o anfitrión francés nin sequera ten moi claro o guión que debe asumir: se seguir sendo dependente das decisións de Washington ou dar o “golpe de temón” cunha iniciativa europea propia.
Washington considera que Europa non debe participar nas negociacións. Pero Europa aparentemente vese decidida a seguir mantendo o pulso con Moscova. Estonia, Finlandia e Dinamarca advirten dunha Rusia militarmente mais fortalecida a mediano prazo e con capacidade para expandir as súas fronteiras alén do territorialmente gañado en Ucraína. As repúblicas bálticas, membros da OTAN e da UE, anunciaron a ‘bombo e platillo’ e coa complacencia de Bruxelas, a súa desconexión enerxética de Rusia. Pero agora a nova factura da luz, encarecida, quen a terminará pagando?
EEUU e Rusia enviaron delegacións a Arabia Saudita este 18 de febreiro en previsión dunha negociación unilateral Trump-Putin. É salientable o momento de Riad, que recibe con este cumio un espaldarazo as súas ambicións xeopolíticas, moi fortalecidas trala caída de Bashar al Asad en Siria.
Tres anos despois do comezo da guerra en Ucraína xa se fala abertamente de negociación e de paz. Zelenski e Putin están desgastados nun conflito militar no que Occidente e a OTAN observaron a súa incapacidade para dobregar a unha Rusia moi probablemente máis fortalecida e que avanza nun reordenamento “patriótico” que presaxia unha nova política de seguridade e de defensa, menos condescendiente con Occidente como fora durante os primeiros anos da Rusia post-soviética.
Zelenski está sufrindo en carne propia os efectos duros da realpolitik. No seu momento prometeu que nunca se sentaría a negociar con Putin os territorios conquistados por Rusia. Pero o contexto 2025 dita outra sentenza: Trump anuncia a imposibilidade de ingreso da OTAN e de retorno ás fronteiras de 2014 (Crimea foi anexionada por Rusia ese ano) mentres especula con que Ucraína “probablemente terminará tamén sendo rusa”.
“Game over en Ucraína ante a realpolitik pura e dura? O único gañador claro é Putin, quen levou a cabo unha guerra na que finalmente está ditando as pautas da paz baixo as súas condicións”
Game over en Ucraína ante a realpolitik pura e dura? O único gañador claro é Putin, quen levou a cabo unha guerra na que finalmente está ditando as pautas da paz baixo as súas condicións: manter o conquistado en Ucraína como esferas de influencia irrenunciables; e evitando que Kiev ingrese na OTAN. E Trump, desinteresado polo futuro de Ucraína, estaría disposto a atender estas demandas de Putin probablemente baixo a perspectiva (quizáis inxenua) de afastar a Rusia do eixe euroasiático con China, a “dor de cabeza” de Trump.
Por certo, China tamén observa con atención estes movementos. Unha paz en Ucraína supón un bálsamo que lle permita neutralizar o esforzo bélico do seu aliado ruso mentres prepárase para calquera eventual confrontación xeopolítica con EEUU. De ser este o caso, Beijing precisará cando menos do apoio irrestrito por parte do seu aliado ruso, ata agora beneficiado pola neutralidade chinesa no conflito ucraíno. Un quid pro quo, un factor de reciprocidade de alto nivel xeopolítico que porá a proba a alianza sino-rusa.