Mondariz | O día 17 de maio, coincidindo coa festividade das Letras Galegas, Mondariz vén de organizar un amplo programa de actividades que inclúen a celebración da II Feira Agrosostible, evento que hoxe foi presentado na Casa do Concello coa presenza do alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín; a tenente de alcalde, Mónica Peralba e Carlos Rodríguez, de Ekohuerta, organizador da feira.
As actividades comezarán ás 11 da mañá coa apertura do mercado artesanal que contará con máis de 40 postos nos que, veciñanza e visitantes, poderán atopar produtos de alimentación e horta sostible, cosmética natural, terapias e plantas, amais de todo tipo artesanía tradicional. O mercado estará aberto, de xeito ininterrompido ata as 22 horas.
A esa mesma hora, e organizado por Mondariz Asociación Deportiva, terá lugar a saída da Andaina Saudable dende o recinto da feira. A actividade, totalmente gratuíta e con guía, levará aos participantes por sendas verdes, fontes e monumentos destacados da zona, ao longo dun percorrido de 6 quilómetros, cunha duración aproximada dunha hora e media.
Cara ás 12 h e ata as 14 horas, os máis pequenos poderán gozar das actividades dun Taller de Horta, dirixido á rapazada con idades entre os 5 e os 12 anos e que se desenvolverá en varios grupos (dependendo do número de nenos e nenas interesados) xa que para un mellor aproveitamento, os grupos serán de 8 compoñentes. Para esta actividade, é preciso anotarse de xeito gratuíto, cun Whatsapp ao 655 146 505.
Xa pola tarde, entre as 17 horas e as 20 horas, terá lugar outro obradoiro tamén dirixido a nenos e nenas a partir dos tres anos, que está incluído na actividade Peque Chef. Trátase dun divertido obradoiro para aprender a elaborar pizzas artesás e saudables. Ao igual que o obradoiro da mañá, as actividades desenvolveranse en grupos de 8 nenos/as e a inscrición realizarase no mesmo número de teléfono.
Os adultos tamén terán o seu espazo nesta II Feira Agrosostible, xa que de 18 h a 19:30 h poderán participar nun obradoiro de elaboración de xabón artesán.
Xa a partir das 19:30 horas, a música será a protagonista coa actuación da Banda de Música Cultural de Mondariz e o grupo Pé de Pote, unha actividade que, como todos os anos, está organizada pola Banda de Música Cultural de Mondariz.
O alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, agradecía a Carlos Rodríguez, organizador da Feira Agrosostible, “o desenvolvemento dun mercado que, na súa primeira edición, contou cunha máis que sobresaínte participación de veciños e veciñas”. O rexedor municipal, no acto de presentación das actividades, tiña tamén palabras de agradecemento para Mondariz Asociación Deportiva, organizadores da Andaina e para a Banda de Música Cultural de Mondariz, “que sempre amosaron a súa disposición a colaborar en calquera actividade que poida supoñer un beneficio para a veciñanza e o municipio”.