O Porriño | As concellerías de Cultura e Xuventude, que dirixen Bienvenido Estévez e Antonio Barros respectivamente, celebrarán o vindeiro 22 de xullo unha DJ master class a cargo do afamado DJ porriñés Luis Guisande, coñecido artísticamente como DJ Pitty, quen abordará a sesión baixo o lema “Música, mocidade e ocio saudable”.
O prazo de inscrición para participar nesta actividade gratuíta permanece aberto do 3 ao 14 de xullo. A folla de inscrición pódese descargar da páxina web do Concello ou recoller no Centro Cultural Municipal de luns a venres en horario de 9 a 14h.
Unha vez cuberta, poderase entregar de calquera dos seguintes xeitos:
De modo presencial, no Rexistro Xeral do Concello do Porriño, de luns a venres, de 9 a 14 h.
De modo telemático, a través da Sede Electrónica do Concello do Porriño. A orde de entrega da solicitude será determinante na orde de inscrición.
A actividade, organizada pola OMIX do Concello do Porriño, segue a estela de programas destinados á poboación nova do municipio de entre 12 e 35 anos, que se veñen desenvolvendo ao longo do ano con actividades variadas.
Os responsables municipais explicaron que dende o executivo local seguirán a apostar pola xuventude, ofrecéndolle alternativas de ocio e formación acordes aos seus gustos e necesidades, adaptándose sempre ao tempo no que vivimos. Ser hábil, ter ganas de formarse e evolucionar constantemente son premisas fundamentais para poder garantir un lugar no mundo da música, e máis aínda no mundo disc-jóckey. Son as ideas que o recoñecido DJ Pitty, trata de transmitir a todo aquel que se interese por este ámbito.
Luis Guisande ensinaralles aos mozos e mozas o oficio de DJ a través dunha master class na que amosará, entre outras cousas, como elaborar unha sesión, dende a selección de cancións ata a realización dunha mestura. Este obradoiro combinará unha presentación teórica con exercicios prácticos, xunto coa experiencia do artista, para abrir as portas a toda aquela persoa que queira iniciarse no mundo DJ ou coñecer en profundidade os segredos que agocha.