O Saviñao | O festival Música na Rúa reunirá en Escairón 35 bandas da escena alternativa e emerxente entre o 4 e o 7 de agosto, para o que contará coa contribución económica da Xunta a través da convocatoria anual de subvencións á organización de eventos musicais de carácter profesional.
A cita do Saviñao incorpórase por vez primeira á relación de beneficiarias desta liña de axudas á que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades destina 350.000 euros este ano para apoiar 21 destes encontros de carácter profesional.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá nas Adegas Moure na presentación de Música na Rúa na compaña do codirector do evento, Emilio Vázquez, e a súa responsable de loxística, Lara Vázquez, así como doutros representantes de entidades colaboradoras.
Na súa intervención, Sutil felicitou a organización pola súa “aposta por contribuír á dinamización do rural a través da cultura” e lembrou que os festivais constitúen “verdadeiros motores económicos e sociais” non só para a industria musical galega, senón tamén “para o turismo” e “para o desenvolvemento en todos os ámbitos” das localidades que os acollen.
O representante da Xunta celebrou que Música na Rúa cumpre cos “obxectivos de difusión, calidade e profesionalidade” que o Goberno galego considera como estratéxicos na súa convocatoria anual de axudas aos festivais ao tempo que destacou “a singularidade” tanto do seu cartel coma do seu lugar de celebración. O Fión do Saviñao, un balcón con vistas privilexiadas sobre a Ribeira Sacra, acollerá por segundo ano consecutivo o escenario polo que pasarán as 35 bandas do cartel.
Orixe familiar
Música na Rúa chega este ano a súa 12ª edición tras un longo proceso de crecemento, experimentación e consolidación. Este encontro musical está organizado pola Sala Avenida e naceu en 2011 polo impulso dos seus propietarios: a familia Vázquez.
A avoa Pura Expósito, o seu fillo Emilio Vázquez e os seus dous netos, Lara e Manuel, implícanse na organización dun festival que xurdiu en 2011 como espazo para a difusión de bandas emerxentes e de voces da música alternativa. O encontro procura tamén revitalizar o rural a través da música e congregou xa en 2021 máis de 2000 espectadores.
A organización ten como obxectivo duplicar a cifra este ano grazas a catro días de concertos de bandas e voces como Soto Asa, Rusowsky, Albany, Sita Abellán e Chill Mafia, entre outros moitos. Estes nomes do panorama alternativo e outras formacións emerxentes constitúen un cartel que procura atraer tanto o público mozo coma o veterano e no que tamén presentes os artistas locais EQX, Methone e Scairon Johanson.