A Cañiza | O Santuario da Franqueira, na Cañiza, acollerá este domingo 10 de setembro ás 19:00 horas un a cargo de Arxis Percussion Group dentro do programa “Música no Ar” da Deputación de Pontevedra. Esta é, ademais, unha das actuacións do ciclo onde as persoas con discapacidade auditiva terán á súa disposición chalecos con tecnoloxía sen cables que transmiten vibracións dos sons que reciben, permitindo que vivan a experiencia dun concerto de música clásica en directo.
Arxis Percussion Group é unha banda centrada na música de percusión que busca achegar ao panorama galego as últimas correntes estéticas dentro da súa familia de instrumento. A formación interpretará a obra ‘Canto Ostinato’, do holandés Simeon ten Holt e escrita orixinalmente para teclados, pero que pode ser interpretada por diferentes agrupacións instrumentais e por máis ou menos intérpretes. A obra, de orixe minimalista, ten unha duración diferente en cada interpretación, segundo as preferencias dos músicos, o que fai que cada unha sexa diferente. Neste caso, o equipo artístico está composto por Irene Rodríguez e Sabela Castro, ambas co vibráfono, e Isabel Diego e Noè Rodrigo, que estarán ás mazas da marimba.
Arxis Percussion Group aposta por convertese nunha plataforma de encontro entre percusionistas residentes en Galicia. Os seus integrantes colaboran ademais de maneira asidua con prestixiosas orquestras de ámbito internacional como o Concergebouworkest de Ámsterdam, a Orquestra Sinfónica de Galicia ou a Orchestre Philarmonique Royal de Liége.
Con “Música no Ar”, a Deputación de Pontevedra programou ao longo do verán quince actuacións en museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas. Trala actuación deste domingo, o programa chega ao seu fin o 30 de setembro coa actuación de Camerata Arven na igrexa parroquial de San Martiño de Forcarei.
No Castelo Fortaleza Dona Urraca
Salvaterra de Miño acollerá este sábado 9 de setembro un novo concerto do programa cultural “Música no Ar” da Deputación de Pontevedra, a cargo do pianista Alberto Vilas e a soprano Cristina Suárez, que interpretarán temas coñecidos e populares da música galega. A actuación comezará ás 20:00 horas no exterior do Castelo Fortaleza Dona Urraca.
‘Once cancións e unha danza’ é o titulo deste recital, que supón a estrea do próximo traballo discográfico do pianista Alberto Vilas. Nel interpreta pezas para piano baseadas nas cancións das máis coñecidas e populares da música galega, entre elas ‘A Rianxeira’, ‘O Miudiño’, ‘Camariñas’ ou ‘A saia da Carolina’, pero co seu selo persoal. O concerto completarase con dúas pezas máis, ‘Lela’ e ‘Negra sombra’, cantadas pola soprano Cristina Suárez no marco dun novo proxecto en común entre os dous artistas.
A extensa traxectoria de Alberto Vilas (Redondela, 1970) inclúe a súa participación en distintas formacións e tamén en solitario. Fascinado polo jazz e por outras músicas, foi integrante do cuarteto de tango Tangata, co que gravou catro discos e ofreceu miles de concertos tanto en España como a nivel internacional.
Coa súa propia formación, Alberto Vilas Quinteto, gravou ‘Experianza’, o primeiro traballo con temas da súa autoría; ‘Crónica cromática’ e ‘Ubuntu’, en formación de cuarteto. En 2017 conseguiu o Premio Martín Códax da Música por ‘Universo Lem’, música creada para unha montaxe de vídeo con fotografías de Juan L. Amado. En 2020 publicou ‘Naialma’, o seu primeiro traballo a piano só con composicións orixinais, co que volveu acadar o Martín Codax da Música no ano 2021.
A soprano Cristina Suárez, gañadora de premios como a I Gala Lírica dos Conservatorios de Galicia no ano 2013 ou o premio á excelencia musical Mans Futuro en 2018, ten colaborado con diferentes agrupacións e proxectos, como ‘Cancións galegas’ xunto a Soncello Ensemble. Na actualidade compaxina a súa actividade artística e docente como profesora de Canto Lírico no Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra.
Con “Música no Ar”, a Deputación de Pontevedra está a programar ao longo deste verán quince actuacións en museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas. Despois desta actuación en Salvaterra de Miño, están previstas as dúas últimas datas no Santuario da Franqueira da Cañiza (este domingo) e na igrexa parroquial de San Martiño de Forcarei (o próximo 30 de setembro).