Tui | A Eurocidade Tui-Valença celebrará o seu décimo segundo aniversario o próximo sábado, 10 de febreiro, ás 21 h no Teatro Municipal de Tui nun concerto a cargo de catro agrupacións tudenses e valencianas.
En concreto participarán no evento un centenar de músicos pertencentes ao Conservatorio Profesional de Música de Tui, á Academia de Música da Fortaleza de Valença, á Asociación Musical de San Pedro da Torre e á Banda de Música Popular de Tui. Na súa actuación realizarán un percorrido musical a través das cancións máis coñecidas de Galicia e Portugal.
En concreto o repertorio a interpretar serán Balada Galega de Juan Montes; Reflexos Paisagísticos e Balada de Outono de Bernardo Lima; Alborada Galega de Pascual Veiga; Grândola, vila morena de Zeca Afonso; Uma Casa Portuguesa cpm arranxos de Amilcar Morais; Catro temas galegos de Manuel Mª Veiga; Cancoes de tradiçao de Luís Cardoso; Que viva Tui de José A. Veiga Paradis; e Havemos de ir a Viana con arranxos de Alvaro de Sousa.
Deste xeito sobre o escenario quedará plasmado o intercambio musical que a diario se produce na Eurocidade con músicos valencianos que estudan en Tui e músicos tudenses que o fan en Valença, ou que forman parte de agrupación da outra beira do Miño. Así a música continúa a tender pontes entre Tui e Valença. As entradas para poderanse retirar, de forma gratuíta, dende ás 20 h, no despacho de billetes no Teatro Municipal, cun máximo de dúas localidades por persoa.