Pontevedra | A Deputación de Pontevedra pon en marcha as engrenaxes para o arranque de Musigal, un programa cun “enorme éxito na provincia” que como adiantou a presidenta Carmela Silva estreará no 2022 un catálogo de grupos e artistas con concertos en galego.
A través desta iniciativa, cuxas bases veñen de ser aprobadas, a institución provincial investirá medio millón de euros na posta a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de actuacións e concertos en galego ou, no caso de instrumentais, con pezas de autoría galega. Son precisamente os concellos máis pequenos nos que mellor acollida ten Musigal xa que sen o programa provincial “non poderían desenvolver estes grandes concertos de grandes artistas”.
A principal novidade do programa para o 2022 é a creación do “Catálogo de grupos Musigal”. O obxectivo deste directorio é configurar un inventario de grupos e artistas profesionais da música galega e en galego con información detallada sobre as súas propostas artísticas, as persoas que integran o grupo, os datos da/do representante, fotografía, currículum, así como o seu caché, o custe da produción técnica e as necesidades de produción.
O “Catálogo de grupos Musigal” terá vixencia indefinida, de tal xeito que os grupos que pasen a formar parte del quedarán permanentemente incluídos, evitando que teñan que achegar a documentación cada ano. O prazo para formar parte do catálogo abrirá entre o 1 e 15 de xaneiro de 2022 e, en anos sucesivos sempre durante o mesmo período, haberá a posibilidade de modificar os datos, caché, información, así como facer novas inscricións de grupos ou darse de baixa.
No marco deste programa, os concellos poderán beneficiarse dunha actuación musical ao longo do 2022. Para elo, entre o 20 de xaneiro e o 15 de febreiro de 2022 terán que sinalar na solicitude de participación ata un máximo de tres grupos por orde de preferencia, facendo constar o nome do grupo ou artista, a data e o lugar fixados para levar a cabo a actuación.
Para a concesión das actuacións daráselle prioridade á orde de rexistro de entrada da solicitude tendo en conta que se desenvolverán ata o 31 de decembro do 2022 e que cada grupo non poderá realizar máis de catro actuacións ao ano. A Deputación de Pontevedra encargarase de aboar o caché do espectáculo do grupo ou artista e o concello da produción da actuación, que será totalmente gratuíta para a cidadanía.
Neste 2021 a Deputación de Pontevedra a través do Musigal promoveu 55 concertos en 55 concellos da provincia, “democratizando” así a cultura en todo o territorio provincial. Unhas cifras que Carmela Silva cualificou de “enorme éxito” tendo en conta as restricións sanitarias.
As actuacións estiveron protagonizados por Baiuca, Guadi Galego, Budiño, Milladoiro, Xabier Díaz, Andrea Pousa, De Vacas, Manoele de Felisa, Odaiko, Roi Casal, Herdeiros da Crus, Leilía, Susana Seivane, Tanxugueiras, Ancestros, Ses, Luar na Lubre, Pelepau, Xisco Feijóo, Orquestra de Cámara Galega, Óscar Ibáñez, Balbino, Xulio Lorenzo, Cantando á Nosa Terra e Burgas Big Band.