Na memoria de Domingo Lorenzo en Barcia de Mera. En galego, agora e sempre.

Vale máis un coro que un deputado en Madrid, dixera arrufadamente un destacado membro das Irmandades da Fala pouco despois da súa fundación. Por esta razón aquela asociación de defensores da lingua, da cultura e das tradicións galegas fundara agrupacións como Cantigas e Agarimos, Toxos e Flores… e Agarimos da Terra formados por traballadoras e traballadores do Balneario de Mondariz, rexentado con gran éxito empresarial por D. Enrique Peinador Línes, un galeguista, por certo, rescatado da frouma da historia polo foro empresarial que leva o seu propio nome: Foro Enrique Peinador.

Certamente, hoxe non poderíamos utilizar aquela expresión irmandiña, porque daquela os deputados elixidos representaban a Galicia no Congreso en Madrid; hoxe temos Parlamento propio. Pero miren vostedes por onde, hoxe poderiamos facer unha afirmación semellante afirmando que un coro fai máis pola lingua galega que moitas obras literarias cuxos exemplares amoreanse en grandes cantidades nos almacéns das editoriais. Para mostra un botón: os concertos da agrupación musical Treixadura fan máis pola cultura galega cos seus concertos multitudinarios, aos que acoden públicos que van desde os tres aos cen anos, que esas inxentes obras literarias. Treixadura provoca emocións, os textos literarios son indiferentes a ella.

A Treixadura pertenceu o orfeonista Domingo Lorenzo aportando a súa voz de barítono, ben modulada e disciplinada nesa corda. Pero amais da súa potente voz, Domingo tivo unha actitude que é merecente de recoñecemento e gratitude por todos os que sabemos que o patrimonio musical galego é dos máis ricos da península ibérica. Grazas ao seu entusiasmo formou grupos que contribuiron a arrequecer o noso cancioneiro popular e a difundilo entre as novas xeracións.

Domingo Lorenzo, que eu saiba, non escribíu ningunha novela, pero fixo moitisimo máis que eses creadores literarios, porque imprimíu na memoria de moitas xeracións o amor polo noso, folclore e lingua. Velaí están, por exemplo o grupo mondarizán “Pedraquetiña”, “Abeleiras de Alxán”, de Soutomaior, formado por máis de corenta voces, maioritariamente femininas e a súa contribución ao rexurdimento de “Agarimos da Terra” despois da súa desaparición durante moitas décadas.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) que se inxire dentro do colectivo Galeguizar Galicia (www.galeguizargalicia.gal) promove desde hai anos a iniciativa “En galego, agora e sempre” con celebracións denominadas “Día da Restauración da Memoria Lingüística”; este ano tirou do fío da música tradicional sempre viva grazas a moitos instrumentistas para evitar que homes e mulleres, que coas gaitas, bombos, pandereitas e demáis instrumentos tradicionais e as súas voces, logo de dedicárenlle anos das súas vidas ao fomento da música galega, cando falecen sigan soterrándose inxustamente baixo unha lápida en castelán. Os cemiterios, que son depósitos da memoria colectiva, deben rexistrar lápidas con lendas alusivas ao labor desenvolvido a prol da comunidade parroquial por cada un dos falecidos.

“O próximo sábado, día 11 de novembro  (…) celebraremos no cemiterio de Barcia de Mera, un acto de dignificación da memoria coa colocación da lápida en galego de Domingo Lorenzo”

O próximo sábado, día 11 de novembro, coa inestimable colaboración do concello de Covelo e o entusiasmo do seu alcalde, Pablo Castillo Amigo, celebraremos no cemiterio de Barcia de Mera, un acto de dignificación da memoria coa colocación da lápida en galego de Domingo Lorenzo, así como unha placa na porta de entrada, semellante ás moitísimas que temos colocadas noutros camposantos, coa seguinte lenda: “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”.

Reiteramos o noso agradecemento aos concellos e entidades veciñais, cada vez máis, que colaboran nestas celebracións. Tal é o caso do acto previsto no Concello de Maceda (Ourense) programado para o día 12 de novembro ás 13:00 horas ou aqueloutros xa realizados ou pendentes de realización.

Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.