Moncho Mariño | Jorge Suárez chegou á alcaldía ferrolá na candidatura de Ferrol en Común. Forma parte das chamadas candidaturas cidadás nunha cidade tradicionalmente moi polarizada no aspecto político. Iso reflíctese nos grupos políticos representados no consistorio.
Como é o día a día dun goberno municipal que debe estar pactando case que a diario para sacar adiante as súas políticas municipais?
Non vou negar que é complicado, pero son unha persoa optimista que creo na política como ferramenta do cambio e veño da tradición do diálogo e a negociación na procura de obxectivos polo ben común.
Logo de todos os movementos e saídas dentro do goberno municipal que vostede preside, a día de hoxe séntese respaldado pola cidadanía como o 13 de xuño de 2015?
Síntome, si. Somos xente do común, non políticos profesionais. Pola rúa, cada día, achégansenos moitos veciños e veciñas, a título particular, e xente das entidades sociais, culturais e deportivas con quen mantemos un diálogo fluido e constante e que, titulares e polémicas á parte, moitas veces desproporcionadas, interesadas e artificiosas, son conscientes das dificultades dun goberno en minoría como o noso coa oposición, dereitas e mesmo o resto da esquerda, facendo bloque contra nós para darnos folgos e azos.
As dinámicas e decisións do goberno local é de supoñer que non contentan a algúns sectores, podería explicar cales son os máis reticentes ás iniciativas do concello e cales son os argumentos en contra de ditas iniciativas?
Sobre iso non me corresponde a min falar, terallo que preguntar a eses sectores.
Con que argumentos responden desde o goberno municipal?
Co traballo diario nun concello de portas abertas, aberto ás críticas pero que busca construir polo ben común e que sustenta as súas políticas e decisións no aval dos informes xurídicos e económicos dos técnicos municipais.
Falar de Ferrol é falar do sector naval e, obviamente, da carga de traballo para o estaleiro. Desde o concello cales son as iniciativas que van presentar nos vindeiros meses sobre este punto?
Traballamos de xeito coordinado co comité de empresa de Navantia Ferrol-Fene, cos representantes políticos no Parlamento Galego e no Congreso e no Senado, que son as vías para canalizar calquera iniciativa. Os traballadores sempre nos terán con eles na procura de máis carga de traballo e das melloras nas condicións laborais.
Deixando o naval, que propostas saíron adiante desde o seu goberno municipal para diversificar a economía da cidade?
Estamos acondicionando Portanova como espazo de coworking, apostamos por incrementar a RPT do concello, dentro dos límentos da Lei Montoro. A través da concellería de Emprego e Pormoción Económica, temos en marcha varios programas e liñas de acción e formación para mozos, mulleres e desempregados de longa duración co programa INSERTA 5 e outros moitos que están funcionando moi ben.
Cales son os atrancos que se lle presentan para levar adiante proxectos encamiñados á diversificación?
As competencias fundamentais correspóndenlle á Xunta e ao Ministerio de Economía e Industria.
Unha das propostas que presentaron foi a remodelación da praza de Armas. A experiencia de consulta á cidadanía sobre temas que lle afectan directamente supuxo un cambio na maneira de tomar as decisións. Esperaba máis participación da que houbo?
Presentáronse cincuenta proxectos e moitísmas achegas de cidadáns. Penso que é unha cifra moi elevada e moi por riba do que é habitual nest tipo de concursos, así que estamos certamente satisfeitos porque foi un proceso aberto e participativo, que era o nos compromiso e o noso obxectivo.
Temos un abano político moi amplo na corporación municipal, desde Ferrol en Común a non adscritos. Pensa que o monopolio das grandes forzas políticas rematou na cidade ou que estamos só nunha paréntese de catro anos?
Ferrol sempre foi unha cidade moi atomizada politicamente, desde o nacemento da democracia. Aí está a hemeroteca para ver que o goberno desta cidade nunca foi sinxelo.
Vostede foi delegado sindical. É necesario tamén un cambio nas actuais correlacións de forzas dentro do sindicalismo en España e en Galicia? Que non haxa só dous ou tres sindicatos con maior representatividade no campo laboral?
Un cambio? Na vida hai que evolucionar en todos os planos e sempre cara a diversidade.
Segundo a EPA (Enquisa de Poboación Activa) Ferrol tén un dos índices de desemprego máis altos de Galicia, conxuntamente coa súa comarca. Se ben desde o goberno municipal se poden canalizar políticas de activación de emprego, a colaboración das autoridades autonómicas e estatais son abondo ou hai fallos nelas?
Algo, pero non todo o que poden e deben.
Ferrol en Común naceu como unha resposta ao baleiro político e ao descontento dunha parte da cidadanía coa clase política tradicional. Velle futuro a Ferrol en Común para as vindeiras eleccións municipais? E ás Mareas no seu conxunto?
Por suposto. Ferrol en Común e As Mareas somos o futuro político, aínda que ás vellas dinastías non lles guste. Chegamos para quedarnos e para crecer.
Será vostede candidato para as seguintes eleccións municipais?
A esta pregunta poderei contestar no 2019, cando toque.