Arbo | Os Concellos de Arbo, Crecente e As Neves acordaron o pasado 30 de xaneiro a creación da súa propia Agrupación de Protección Civil “Ribeira do Miño” que dará cobertura aos tres municipios e que conta co apoio da Xunta de Galicia.
Así llo trasladaron os tres alcaldes ao xefe do Servizo de Emerxencias da Xunta de Galicia, Miguel Ángel Pérez Dubois, e a outros dous axentes do servizo autonómico, que mostraron o seu apoio á iniciativa e acordaron axilizar a posta en marcha da Agrupación para tentar que estea operativa neste 2024.
A nova entidade actuará indistintamente no territorio dos tres Concellos para colaborar desinteresadamente na protección de persoas, bens e do medio ambiente en situacións de risco e de emerxencias.
Así mesmo, os tres concellos e a Xunta irán da man para que se dispoña canto antes deste servizo e dotalo dos mellores medio para atender aos cidadáns.