Suso de Toro/Revista Luzes | O nacionalismo galego é a corrente política máis desvalida e castigada pola historia. A súa enerxía nace tanto da conciencia da opresión a un pobo como, loxicamente, da desesperación.
Non se comprende ese nacionalismo actual sen coñecer o seu nacemento no tempo que o configurou. E verdadeiramente o dilema dese nacionalismo actualmente é se é capaz a deixar atrás certas marcas de carácter ou non.
O golpe de 1936 e a represión e guerra subseguinte tronzaron a historia do galeguismo. Nesa altura da II República existe un nacionalismo galego conformado como unha corrente democrática rexeneracionista, pretendía eliminar a dependencia da corte para modernizar as estruturas económicas e crear unha cultura moderna na lingua propia. O Partido Galeguista trazaba unha Galiza posíbel e que pensaban viábel.
“O golpe de 1936 e a represión e guerra subseguinte tronzaron a historia do galeguismo”
Ese proxecto político foi eliminado case fisicamente nos seus portadores e, desde logo, politicamente. O que renaceu tras a guerra foi outra cousa distinta nun mundo distinto, a nacente cultura republicana galega non se transmitiu ás seguintes xeracións nunha época incivil.
A liquidación, perfectamente planificada, dos sectores sociais ilustrados e republicanos xuntouse coa destrución da economía pola guerra e transformou o país nun ermo atrasado que a condenou facer un novo éxodo migratorio nos anos cincuenta. Ese é o marco histórico e esa é a sociedade aterrorizada, ignorante e mutilada na que van renacer iniciativas culturais galeguistas na posguerra e que vai determinar as características do nacionalismo galego que xorde nunha nova xeración nos anos sesenta e primeiros setenta.
Entanto as institucións políticas dos cataláns e vascos seguiron en territorio francés, quitados os obstáculos dos anos da ocupación alemá, no caso galego os nosos exiliados non puideron reconstruír a Galiza política no Portugal da ditadura de Oliveira Salazar. Non saberemos dicir até que punto iso condicionou a nosa historia, non sei se os historiadores consideraron iso o bastante. O exilio republicano e galeguista quixo reconstruír, en van, unha Galiza política no outro lado dun océano. O océano Atlántico é moi ancho.
A fractura política dentro do galeguismo deuse desde o primeiro momento, desde “o interior” marcouse unha ruptura co exilio xa en 1946, tras a derrota da Alemaña, e aparecen personificadas entre un militante do interior, Ramón Piñeiro, e Castelao e o exilio.
“A fractura política dentro do galeguismo deuse desde o primeiro momento, desde ‘o interior’ marcouse unha ruptura co exilio xa en 1946”
En palabras do vasco Irujo, Piñeiro “no cree en el Gobierno de la República. Estima que es una entelequia fantasmal. En cambio, cree en el ministro gallego, porque, a su sombra -dice – podremos reorganizar Galicia, recabando la adhesión y la asistencia de todos los grupos (…)”. Cousa que tamén percibía Castelao, “dispreciando aos emigrados e quitándolle importancia ao Consello da Galiza até o ponto de non recoñecelo, (…)”.
Piñeiro estimaba que a República xa era un pasado non actuante e unicamente lle interesaba un ministro no goberno republicano no exilio porque tería autoridade política e moral entre os restos republicanos no interior. Consecuente con esa crenza manobrou, sen conseguilo, para ser el ministro, como representante do interior, no lugar de Castelao, que era o exilio.
Aparte a explicación xeracional, distinta idade e distintas experiencias vividas, representaban dúas lecturas do momento e dúas épocas históricas diferentes. Unha pretendía aínda negar a vitoria definitiva dos militares sublevados na esperanza dunha intervención aliada tras a guerra europea e a outra xa asumía como consumada a estratexia, guiada por Reino Unido, dos aliados, que protexerán a Franco.
Castelao advirte impotente: “Non cren en nada que contradiga o que se di nos Comités subterráneos de Madrid. Non saben que a Alianza Democrática é unha entidade parida pola Intelligence Service, que obedece, creo que gratuitamente, ás consiñas inglesas.” A ruptura e a enemizade é total e ten consecuencias definitivas no devir do nacionalismo até nós.
O exilio, Castelao e o republicanismo galego todo esvaeuse no Purgatorio da historia. No interior do país o galeguismo derivou en dous proxectos, un foi o de Piñeiro e o grupo “Galaxia”, para quen o republicanismo xa era pasado e adaptándose á nova época de política de bloques. Inicialmente proxecto de afirmación cultural, foise reformulando sucesivamente e adaptando ás condicións históricas existentes, até mimetizarse coas novas institucións nacidas tras a morte de Franco e concluír historicamente na identificación con elas.
A figura de Domingo García Sabel como Delegado do Goberno central e de Xerardo Fernández Albor como Presidente da Xunta resumen o suceso político desa estratexia. Este ciclo histórico autonómico sen dúbida recibiu a benzón e impregnación de Piñeiro, e non é casualidade e mais é natural que lle creasen unha institución co seu nome.
Mais a identificación do proxecto coas institucións existentes fixo que o que houbese de proxecto político no “piñeirismo” desaparecese, pois xa foi realizado. É o que hai.
O outro proxecto, a UPG, non por casualidade tivo o seu inicio nos universitarios galegos en Madrid, lonxe do mestrado e control que conducía Piñeiro en Compostela. E nace marcado polo espírito dunha xeración e un tempo, sen continuidade tampouco co galeguismo republicano.
A política cívica era imposíbel exercela desde 1936, e baixo un estado carcelario construído por militares e curas a única inspiración posíbel é a do marxismo revolucionario. E, nunha sociedade á que se lle impediu a modernización das estruturas económicas, retrocedendo, e que foi encerrada na ruralización, era natural a identificación coas sociedades preindustriais nas que nacían movementos de liberación anticolonial noutras partes do mundo.
Interesa e moito comprender a extrema orfandade deses mozos universitarios que se rebelan non só contra a situación do seu país dentro dun estado militarista senón, tamén, contra o resultado da II Guerra Mundial na Europa e a pertenza ao bloque dos gañadores da guerra e protectores do franquismo.
A diferenza dos militantes dunha organización como o PCE que tiñan tras de si organización, medios, transmisión de experiencia e liderado, estes eran un grupo xeracional que non tivo maiores, nun país alleado e desfeito e que cuestionaba non só estado existente senón que tamén impugnaba a historia mesma.
Unha extrema soedade política
O modelo do nacionalismo galego para interpretar a situación de postergamento e dependencia da Galiza foi o modelo colonial, na variante clásica da relación colonia e metrópole ou nunha variante de “colonialismo interior”. O modelo que aínda argumenta un vello republicano como Valentín Paz Andrade en “La marginación de Galicia” ou “Galicia como tarea” estaba ben máis achegado á realidade naquel e neste momento mais, na práctica, era tan utópico como o outro, pois as estruturas políticas e económicas do franquismo impedían e impiden un desenvolvemento autocentrado.
Ese proxecto nacionalista nacido como marxista e de liberación nacional é o que está na orixe do BNG actual e que tivo a súa evolución até hoxe.
“Ese proxecto nacionalista nacido como marxista e de liberación nacional é o que está na orixe do BNG actual e que tivo a súa evolución até hoxe”
Un grupo de mozos intelectuais que se refuxiaban en asociacións culturais pasou, a partir de 1972 e as loitas obreiras e a posterior difusión territorial por universitarios, a ser unha pequena organización moi combativa, capaz de conducir loitas locais ás que daba unha dimensión nacional. A identificación cultural que existía entre Galiza como país e o seu territorio, mesmo cunha clase social, o campesiñado, fixo que loitas como a das parroquias de Encrobas ou Baldaio fosen asumidas como loitas de país. Hoxe a mentalidade social cambiou e esa identificación sería imposíbel. E os obstáculos para exercer a política fixo que a UPG fose imaxinativa en crear organizacións e para iso levantou unha organización ambigua e flexíbel, a AN-PG.
A crise de transformación do estado tras a morte de Franco colleu á UPG, e tamén ao PSG, organización de moita menor entidade inspirada por Piñeiro, completamente na intemperie.
A Transición foi un proceso conducido dentro do bloque tutelado polos EE.UU tras unha sorpresiva “Revolución dos cravos” en Portugal, que preocupou ao dominio norteamericano. A sucesión a Franco na restauración da monarquía borbónica e a Reforma política concibiuse como un sistema representativo controlado polos militares e baseado nun xogo político limitado. Á medida dun partido nacido das estruturas do Réxime, a UCD, e coa colaboración do PSOE, do que previamente apartaran aos dirixentes históricos para colocar a unha nova xeración política. A operación foi tutelada polos servizos de intelixencia do estado e supervisada personalmente desde Madrid polo xeneral Vernon Walters, director adxunto da CIA.
Un partido como o PCE, con partidos irmáns noutros estados europeus tivo capacidade para manobrar e facerse un lugar grazas á experiencia, implantación e á súa militancia esforzada. E grazas a dar as garantías de acetamento da Reforma. Porén, o nacionalismo galego, isolado e débil non puido facer unha lectura axeitada da realidade social e da conxuntura histórica. Tras conseguir a súa legalización o espectacular fracaso electoral foi cousa difícil de dixerir, as primeiras e sucesivas eleccións reflectían a distancia política e ideolóxica coa sociedade. A completa inmadurez e soedade.
A realidade resultoulle inaceptábel e conduciu a crises que non podían ser aproveitadas para unha reflexión autocrítica e revisar as análises da sociedade, a conxuntura política e revisar, en consecuencia, as estratexias.
Tras o choque coa realidade histórica e social a UPG e AN-PG, que se presentaran electoralmente como BN-PG, viviron convulsións internas e, o mesmo que as demais organizacións que saían da clandestinidade, un abandono masivo de militantes. E dúas escisións, unha foi a reafirmación ideolóxica no marxismo leninismo, o PGP liderado por Xosé Luís Méndez Ferrín. Outra, o POG, tras recoñecer a nova realidade histórica intentou reformular a política, conducida principalmente polo enxeñeiro e economista Camilo Nogueira.
E o PSG, tras uns resultados que non imaxinaba, rebentou e cuestionou a súa existencia. Finalmente partiuse ao medio. O seu candidato e figura de referencia, Xosé Manuel Beiras Torrado, catedrático de Estrutura Económica, formado baixo Piñeiro, retirouse. Unha parte da militancia considerou que unha organización socialista soberana era politicamente inviábel e aceptou entrar no PSOE que se alimentou tamén doutras organizacións semellantes. A outra parte permaneceu baixo esas siglas e reafirmou o partido, mais atrapada sempre entre tensións externas e internas e sen un rumbo claro.
Tras a Constitución e as primeiras eleccións veu a loita pola autonomía, que en principio lle correspondía a Galiza por ter plebiscitado o seu estatuto en 1936 e malia iso estaba a serlle negado tras un acordo entre UCD e PSOE, que limitaba o dereito á autonomía a Catalunya e Euskadi. Foi un momento de convulsión e mobilización cidadá como non se vivira, mais para o nacionalismo galego foi un transo incómodo e doloroso.
O grupo de presión organizado ao redor de Ramón Piñeiro pasou a actuar nese momento baixo o nome de “Realidade Galega” e fixo un chamamento á poboación e a todas as forzas políticas presentes no país para reclamar unitariamente a autonomía, que correspondía a Galiza como nacionalidade segundo a propia constitución. A opinión pública e a maior parte dos intereses económicos e sociais coincidían coa percepción que se nos estaba a negar algo lexítimo e ao que tiñamos dereito. Os medios de comunicación galegos e parte das estruturas locais dos propios partidos estatais apoiaron a reclamación. Os seguidores de Piñeiro pasaron a ser chamados, segundo unha nova categoría, “galeguistas históricos” e foilles recoñecida autoridade moral que administrarían nos anos seguintes conforme se foron creando as novas estruturas autonómicas.
No entanto a esquerda nacionalista no seu conxunto ficou á marxe. Se ben houbo esquerda nacionalista que se implicou na loita a prol da autonomía, o POG liderado por Camilo Nogueira, o groso do nacionalismo conducido pola UPG posicionouse en contra, pois consideraba que o obxectivo a conseguir nese momento era a soberanía e a autonomía era unha imposición colonial. Ese desencontro do sector maioritario do nacionalismo coa realidade histórica supuxo tamén un grave desencontro coa sociedade, que con toda claridade desexaba andar outro camiño. O único que se lle ofrecía.
Ese cruce de posicións entre unha mobilización masiva a reclamar autonomía, dunha banda e o rexeitamento desa mobilización pola UPG escenificouse con certo dramatismo cunha “tractorada” convocada para o mesmo día das grandes manifestacións polas Comisións Labregas que cortou estradas e interrompeu a viaxe ás capitais de provincia de autocares con manifestantes pola autonomía. Retratouse así a posición do nacionalismo galego no seu conxunto, non aceptaba recoñecer nin o novo tempo nin a realidade dun novo marco político. E os tractores querían ser a súa arma e a súa imaxe, procurando unha autoridade moral na identificación co campo fronte ás cidades.
Tras aprobarse finalmente un estatuto, o POG e o PSG existente animaron a recrear o PG e xuntos montaron unha coalición que se presentou, con bo resultado, nas eleccións municipais, Unidade Galega. UG era un intento de crear un espazo do nacionalismo galego amplo e que claramente apostaba pola autonomía e que claramente batía coa postura da UPG. Recibiu un apoio electoral relativamente bo mais era internamente inestábel e rompeu. O POG evolucionou e transformouse en Esquerda Galega, EG.
“Tras aprobarse finalmente un estatuto, o POG e o PSG existente animaron a recrear o PG e xuntos montaron unha coalición que se presentou, con bo resultado, nas eleccións municipais, Unidade Galega”
BN-PG buscou unha saída pragmática á situación na que se encontraba de negación da autonomía e concorre ás eleccións autonómicas para incorporarse ao novo xogo político. E foi entón cando os partidos españois impuxeron unha proba antidemocrática e excluínte, a obriga de xurar a constitución vixente. Xa que non se podía reverter a legalización e devolver á clandestinidade á esquerda nacionalista tratábase de expulsala do parlamento.
No entanto, o deputado Camilo Nogueira, que obtivera acta por EG, ante esa imposición optou por facer unha promesa sinalando que era obrigada, os tres deputados da coalición BN-PG co PSG, que volvera abalar cara UPG, non aceptaron tal e foron expulsados. Só o deputado Carlos Mella secundou os intentos de Nogueira de modificar o regulamento para que se puidesen reincorporar.
Esa manobra do españolismo de esquerda e dereita, e a decisión que adoptaron nesa situación eses tres deputados, foi decisiva para retrasar a evolución e maduración política da UPG e as súas organizacións. Quitáronlle a representación a miles de persoas, estigmatizáronas e conduciron a unha organización a unha frustración sen saída.
Houbo e hai unha constante desde os poderes establecidos para deslexitimar o nacionalismo galego e negarlle lexitimidade democrática e mesmo o dereito a existir. Esaxerando as súas contradicións, atribuíndolle aspectos negativos e ocultando virtualidades, o caso máis claro é a estigmatización da UPG. Os seus detractores chegaron a facer desa organización un ser mítico adornado de todos os defectos que as demais organizacións seique non teñen.
A partir da primeira lexislatura, e na soedade que lle conferiu a expulsión dos outros tres deputados, o papel de EG no parlamento galego é clave en moitos aspectos. En vendo o seu traballo parlamentario pódese dicir que foi quen se tomou en serio aproveitar ao máximo as posibilidades da autonomía e sentar as bases para que o país puidese afrontar os desafíos tras a entrada na Unión Europea. Unha entrada que foi en condicións moi prexudiciais, pois por non termos naquela altura representación política no parlamento español o goberno do PSOE desprotexeu absolutamente os nosos intereses. Foi Nogueira, nunha segunda lexislatura quen puxo na mesa a relación co Norte de Portugal, políticas industriais, protección do campo, denuncia da marxinación da Galiza no mapa das comunicacións, o cativo financiamento…
Esquerda Galega, logo reformulada en PSG-EG coa fusión co PSG restante, que volvera oscilar cara o lado contrario, fixo un traballo político intenso nas institucións racionalizando o programa da esquerda nacionalista que foi percibido pola sociedade como un nacionalismo adaptado ao seu tempo. Desaparecido aquel partido, hoxe un pode preguntarse se serviu para algo o traballo tan denso con propostas dirixidas a todos os sectores da economía e da sociedade. Foi traballo perdido e esquecido totalmente ou alimentou a idea de que o nacionalismo debía ter dispoñibilidade política e capacidade técnica para afrontar os problemas concretos do país?
Mais esa liña de EG nunca deixou de ser considerada unha “herexía” por amplos sectores do nacionalismo, dado que a UPG conservaba a autoridade moral derivada de ser as siglas fundadoras e unha moi superior implantación organizativa e territorial, o PSG-EG non conseguiu dar o salto de partido de cadros intelectuais e profesionais a ter penetración social, e finalmente foi a perdedora nesa competencia entre as dúas organizacións para representar o nacionalismo galego. Pois a UPG, logo da expulsión parlamentar e de verse inicialmente en fóra de xogo, fixo unha manobra para actualizarse e reformulou a súa proposta política creando o BNG en 1982, co que a súa posición puido atravesar as décadas. E permitiulle ir evolucionando desde o resistencialismo inicial a unha adaptación ás novas regras do xogo.
Poderiase dicir que o nacionalismo galego na década dos 80 e 90 estivo roto entre esas dúas organizacións, repartíndose desigualmente o que sería produción política e capacidade organizativa, software e hardware.
Mais aquel BNG fundouse sobre dúas patas, a organización que aportaba a UPG e o atractivo e a fotoxenia da figura de Beiras, quen tras vivir unha crise persoal reincorporouse á escena política nunha nova fase vital. E o camiño en adiante fíxose sen perder nunca esa dualidade entre unha organización compacta e precavida e a axilidade da figura de Beiras, sempre solto, que foi acumulando apoios internos ao seu redor. As contradicións nesa tensión interna non se transparentaron até unha ruptura traumática.
Tras a disolución do PSG-EG, e a integración dunha boa parte dos seus membros co seu principal dirixente, Camilo Nogueira, no BNG a organización vive un momento de fortaleza, que coincide cun momento de crise da organización galega do PSOE, e sitúase en 1999 como principal forza na oposición así como consegue un eurodeputado.
“E sobrevén a catástrofe provocada polo petroleiro ‘Prestige’ e aparece ‘Nunca Máis’, unha experiencia política que é puro nacionalismo galego”
E sobrevén a catástrofe provocada polo petroleiro “Prestige” e aparece “Nunca Máis”, unha experiencia política que é puro nacionalismo galego. A mobilización baixo o lema e a organización “Nunca Máis” só se pode comprender nun lugar onde a sociedade aínda se identifica co país como territorio.
O que noutros lugares tería sido unha resposta de ecoloxistas e mariñeiros na Galiza transformouse nunha resposta nacional, tratábase da “nosa costa”, “a nosa terra”, “o noso país”. A identificación da cidadanía co mundo rural como símbolo e alma do país naquel momento xa era moi débil, os problemas da nosa agricultura xa deixaran de ser considerados problemas de país e eran percibidos como problemas sindicais, mais persistía a identificación co territorio, Galiza eramos nós e tamén o territorio. “A Terra”, o mito apaixonado dos galegos, seguiu evoluíndo e naquela altura estaba xa penetrado de conciencia ecolóxica. A aventura do “Xurelo” anos antes animara esa concienciación.
“Nunca Máis” non naceu da nada. Foi unha iniciativa do BNG, aínda que non apareceu publicamente así. Mais foi produto dun dilema político e dun desacordo interno e o inicio do camiño que conduciu a unha ruptura futura entre a UPG e Beiras.
Naquel momento Manuel Fraga Iribarne gobernaba con maioría absoluta, tiña un dominio total sobre o país co control dos medios de comunicación públicos e privados e adquirira unha lexitimidade moral cun discurso galeguista. O vello falanxista e franquista convertérase nun verdadeiro Presidente da Xunta de Galicia con peso político no estado, e así era percibido dentro e fóra. E así fora recoñecido polas forzas da oposición que tras o enfrontamento político inicial pasaron a respectalo e tratalo. Un verdadeiro, e afogante, reinado.
Xosé Manuel Beiras, portavoz do BNG, foi un dos que se retratou con el e como esa relación era transcendente e difícil de asimilar para unha organización cunha tradición radical antifranquista, causou incomodidade interna. Beiras, polo contrario, valoraba esa relación persoal. O recoñecemento mutuo era tan delicado para un como para o outro, o vello franquista tamén se vía obrigado a dar explicacións do trato coa esquerda nacionalista mais o nacionalismo galego, sempre ao borde da exclusión do xogo político, nun curruncho e estigmatizado víase recoñecido por quen tiña autoridade política para lexitimar diante da sociedade.
O cálculo que facía Beiras, alén do protagonismo particular, semellaba razoábel politicamente. Mais ese movemento non era asimilado e aceptado pola organización. De feito a organización enteirouse a través dos medios da iniciativa do seu portavoz, e iso fixo que o que era tensión interna entre dous polos diferentes pasase a ser o inicio dun conflito latente.
A organización decide desencadear unha resposta social contra a falta de actuación ante a marea negra do Goberno e a Xunta controlados polo PP e convoca a axentes sociais, organizacións e particulares. Nesa nova situación de enfrontamento radical non cabe xa o diálogo e o recoñecemento entre Fraga e Beiras. A continuación o BNG decide presentar moción de censura a un Fraga anulado desde Madrid polo PP de Aznar, iso é cousa que choca coa posición de Beiras, quen a continuación xa non actuou como portavoz parlamentar para defender a moción.
O ano seguinte a organización decide que a portavocía pasase de Beiras a Anxo Quintana.
No entanto o BNG, que impulsou con todos os medios a gran mobilización social, coa intelixencia de saber deixarse estar atrás dos activistas independentes, calculaba que iso tería un rédito electoral inmediato e, aínda que mellorou resultados, non foi o esperado. Recibiu novamente a lección de 1977, non hai correspondencia mecánica entre a capacidade de axitación e mobilización e os votos, para gañar eleccións é preciso gañar antes a confianza da sociedade para o proxecto político.
Esa mesma lección política era a que estaba a dar a experiencia do sindicalismo galego. A CIG, o resultado da fusión de organizacións sindicais previas, conseguira ser non só a central con máis capacidade de mobilizar senón tamén a primeira nas eleccións sindicais. Unha evidencia que non foi nin é aceptada na práctica polos sucesivos gobernos quen só recoñece a existencia das dúas centrais sindicais de ámbito estatal que asinaron os pactos da Transición e axudan a soster o sistema político da restauración borbónica. Sendo a CIG a primeira central sindical e a que destaca nas mobilizacións non houbo nin hai un traslado de votos para o BNG, a opción política e ideolóxica coa que ten sintonía.
No ano 2005, as eleccións autonómicas dan paso a unha importante novidade política, un pacto para un goberno da Xunta de colaboración entre o PSOE, onde Emilio Pérez Touriño conseguira imporse ao colaboracionismo previo de Francisco Vázquez co PP, e o BNG, co seu candidato Anxo Quintana.
“No ano 2005, as eleccións autonómicas dan paso a unha importante novidade política, un pacto para un goberno da Xunta de colaboración entre o PSOE”
Foi unha experiencia case borrada da memoria social pola acción dos medios de comunicación partícipes da estratexia do PP de Feijóo, e borrada tamén da memoria interna tanto do PSOE como do BNG porque o fracaso electoral posterior deu lugar a crises profundas nas organizacións.
Con todos os erros que houbese, o BNG demostrou que o nacionalismo galego podía administrar poder e xestionar a administración. O PSOE xa tivera unha experiencia previa con González Laxe. Mais para o BNG foi tamén unha experiencia novamente traumática que lle creou grande ansiedade, o portavoz parlamentar e que aparecía como dirixente público separábase unha outra vez da organización. Como se o cargo de portavoz e candidato conferise unha nova perspectiva que conducise a ter un ritmo máis rápido que a organización. E, ademais, ese rumbo político concreto non era asumido pola dirección e a maior parte da organización. O portavoz, Quintana, quen fora candidato e ocupara importante cargo na Xunta, foi apartado novamente.
Nesta altura era evidente que no BNG, e no seu centro a UPG, a organización en si mesma era totalmente determinante e impedía un liderado persoal independente. E esa característica estaba confirmada por dúas experiencias vividas como negativas.
No 2012 finalmente deuse a ruptura entre os dous polos fundadores do BNG, Beiras cos seguidores que se foran agrupando ao seu redor saíu da organización. Unha ruptura moi anunciada. A interpretación que facía Beiras da vida pública española, baixo o dominio do PP de Aznar, levoulle a pór en primeiro plano a pertinencia dunha alianza contra ese autoritarismo e xa un ano antes asinara nun manifesto nese senso con representantes da esquerda estatal.
“No 2012 finalmente deuse a ruptura entre os dous polos fundadores do BNG”
A ruptura nesa asemblea, a de Amio, foi protagonizada por Beiras de tal xeito que apareceu como cousa necesaria e inevitábel. Foi sobre o fondo interpretativo de sempre segundo un esquema e un argumento xa instalado: a UPG sería a responsábel última coa súa tradicional intransixencia. De modo que o camiño que seguían Beiras e os seus seguidores era o máis lóxico.
Uns meses despois da súa saída xa nace AGE, unha alianza da organización que fundou Beiras, ANOVA, coa organización na Galiza do PCE. E tiña o atractivo da idea da unidade ante un perigo. No entanto, o BNG permanecía na soedade que lle correspondía ao nacionalismo galego, sempre caracterizado polos poderes dominantes como “montaraz e incívico”. Esta visión do conflito establecida así para o público, que foi percibida como falsa e inxusta polo BNG resultante, non fixo senón afondar a amargura e a desconfianza.
A conciencia de que Galiza estaba dentro dunhas relacións de poder que a sometía ao espolio da oligarquía do estado e condenaban os seus habitantes á emigración simplemente era obviada, por caducada ou incidental, e substituída polo atractivo dunha unidade da esquerda, galega e española, fronte ao goberno dunha dereita radical. As eleccións autonómicas déronlle dous deputados máis a AGE que ao BNG, confirmábase que esa proposta contaba con máis simpatías e apoios e tiña máis asento no electorado que a dunha forza propia encarnada no Bloque.
AGE deulle nova vida ao PCG, que estaba desaparecido desde había tempo, e propiciou unha carreira política en Madrid, a de Yolanda Díaz. E preparou o camiño para o que veu despois, un verdadeiro Tsunami entre unha parte do electorado que afectou directamente ao BNG, “Podemos”, e aínda máis, cuestionaba a necesidade de ter Galiza expresión política propia.
A crise financieira de Wall Street, que pasou a ser crise económica mundial, desencadeou unha rebelión nun sector social moi concreto, a xeración universitaria que se vía privada de futuro profesional e vital polas medidas ditadas desde a alianza Merkel e Sarkozy e asumidas polo Goberno. Comezou dun xeito espontáneo unha acampada de protesta no quilómetro cero da España radial, na Puerta del Sol. A protesta, xusto no medio da campaña electoral, centrou a información e o debate político eses días nos medios de comunicación e irradiou o seu efecto aparecendo protestas noutras cidades españolas, entre elas as galegas. O partido máis afectado por ese cuestionamento foi o PSOE, que perdeu o goberno dando paso a dúas lexislaturas do PP de Mariano Rajoy de particular reaccionarismo e crueldade social.
Sobre esa mobilización e o cuestionamento do bipartidismo estatal, que se estendeu a toda organización e partido existente considerados caducos, un grupo de profesores da universidade madrileña ensaian un experimento político dirixíndose a ese sector social mobilizado e utilizando as redes sociais. Inmediatamente foron as canles de televisión privadas as que deron cabida a ese novo discurso que cuestionaba os partidos que xestionaran o poder e ese equipo de novos políticos ofreceu aos activistas mobilizados un “banderín de enganche” e, inmediatamente, unha organización, “Podemos”.
A avisada utilización das redes e dos medios lanzou a telexénica figura de Pablo Iglesias desde Madrid, facéndoa carismática, e un público entregado agardábao cando se achegaba ás cidades galegas. Ese éxito de público evidenciaba o atractivo electoral que se confirmou.
As imaxes do encontro escenificado entre Beiras e Iglesias, con Yolanda Díaz a carón, eran demoledoras para o BNG. Mostraban a soldadura e a continuidade entre o proxecto de AGE e Podemos, se antes o argumento de AGE era a necesidade de unir a esquerda para derrotar á dereita franquista a continuación o argumento foi o entusiasmo por cambiar a política. A nova alianza de esquerda, que recibía a benzón lexitimadora directa de Beiras, que fora figura estelar e a imaxe do BNG por moitos anos, deixaba a proposta política do nacionalismo galego completamente en sombra e sen capacidade de reaxer.
“As imaxes do encontro escenificado entre Beiras e Iglesias, con Yolanda Díaz a carón, eran demoledoras para o BNG”
Un grupo de inteletuais e activistas, ante o horizonte da desaparición da Galiza como suxeito político lanzou a idea dun 25 de Xullo unitario que reafirmase o carácter nacional galego, idea que foi formalmente subscrita por práticamente todas as forzas galegas e da esquerda. A continuación lanzaron a proposta da unidade en torno dun candidatura para un grupo parlamentar galego soberano nas cortes españolas.
O proceso, tras voltas e reviravoltas, non conseguiu o obxectivo e presentáronse separados. O BNG , que se presentou nunha alianza con pequenas agrupacións como “Nós-candidatura galega” dun lado e “En Marea-Podemos”, que así pasou a chamarse a candidatura de “Podemos” coas súas alianzas galegas, doutro lado. O BNG perdeu a representación no Congreso e case a metade dos votos. E “En Marea-Podemos”, que se presentou ás eleccións co compromiso ante o electorado de formar grupo parlamentar propio galego, obtivo 6 deputados, que pasaron a integrarse no grupo parlamentar das provincias de Unidos Podemos.
A ansiedade ante unha situación histórica que semellaba novamente desesperada agudizou as desconfianzas dentro do BNG e, unha outra vez, a maioría da dirección, a UPG, apartou a Xavier Vence, un militante independente e portavoz da organización naquel momento e que xa substituíra ao portavoz anterior, Guillerme Vázquez, neses anos adversos. A organización novamente recolleuse sobre si mesma e nesta ocasión opta por escoller como portavoz directamente a unha militante da UPG, Ana Pontón.
No entanto En Marea, que incumprira o compromiso de formar grupo parlamentar disolvéndose no de Podemos e que asumiu as directrices que chegaban unha tras outra desde Madrid, ás veces como unha orde perentoria a través do teléfono, mostrou carecer tanto de autonomía como de proxecto propio. E, o que lle resultou peor, a falta de liderado interno entre unhas alianzas de grupos que nunca chegaron a consolidarse como organización conduciu a un espectáculo descarnado de guerra interna polos postos e o poder. Unha candidatura que catalizara entusiasmo de moitas persoas e na que depositaran a súa confianza defraudou todas as espectativas e foi varrido do parlamento galego, autodestruiuse e extinguiuse simplemente. A marca Unidos Podemos aínda sacou un escano no parlamento español por Pontevedra, onde se presentara a militante ferrolá do PCG Yolanda Díaz.
“A tremenda derrota da marca de Unidas Podemos na Galiza (…) ilustrou mellor que nada o fracaso a medio prazo dun xeito de facer política mediática”
A tremenda derrota da marca de Unidas Podemos na Galiza, que se levantara sobre os apoios dun sector social moi delimitado e sen penetración territorial no país fóra das cidades, ilustrou mellor que nada o fracaso a medio prazo dun xeito de facer política mediática, sen senso de país, sen organización nin penetración social e sen un alento ideolóxico nin proxecto político claro.
No entanto, o que inicialmente semellaba un repregue e encollemento do BNG, escollendo como portavoz unha militante da UPG pouco e pouco foi manifestándose como o contrario. Primeiramente aguantaron a posición moi solitaria confiando unicamente na súa propia forza como organización e na certeza da necesidade histórica do nacionalismo galego. A desaparición de En Marea e as candidaturas municipais que lle achegaban os apoios deixou novamente todo o terreo da esquerda libre, con todo iso non abondaría para recuperar a confianza que lle perderan moitos simpatizantes e para gañar unha nova xeración.
Mais o revulsivo que fora o cuestionamento da política tradicional que fixeran aquela xeración de políticos universitarios uns anos antes foi unha lección que aprendeu o BNG, en adiante fixo por mostrar transparencia e debates abertos ao público así como intentar saír da organización e chegar ao cinturón de simpatizantes. O resultado foi un progresivo achegamento e aumento de afiliacións. E, sobre todo, o traballo político sistemático dentro e fóra do parlamento dunha organización que nunca decaeu sumado ao propio carisma da nova portavoz foi transformando a imaxe da organización.
Mais Ana Pontón non é meramente unha cara de muller nova. Para explicar a súa figura política hai que pensar que a organización, que semella un animal lento e desconfiado, tirou leccións das duras probas dos últimos anos, dando como froito unha renovación que non parece que teña volta atrás porque o resultado, segundo as enquisas, é que a proposta política de Ana Pontón está moi en sintonía coa sociedade e o tempo actual. E esa transformación interna foi posíbel, e pode que unicamente posíbel, grazas á integración do feminismo como unha referencia ideolóxica profunda e no funcionamento interno. Ana Pontón e o seu equipo son persoas dunha mesma nova xeración e son a consecuencia de todo o vivido.
Pódese pensar que saíndo Pontón das entrañas da UPG nas que se criou a renovación non é tal, non pode selo e fracasará, mais penso que, paradoxicamente, é o contrario. O Bloque non puido ser anovado antes porque quen tiña que ter a súa difícil evolución, era a propia UPG e era de aí de onde tería que saír como unha consecuencia, a liberación das posibilidades do BNG.
E Pontón é moito máis que unha portavoz, é unha líder como acaba de confirmarse cando forzou á organización, e a todo o cinturón de simpatizantes que se identificaban con ela, a decidir se querían que fose a dirixente ou non. Se querían continuar polo camiño destes últimos anos ou non. A resposta positiva foi masiva, a dirección foi unánime, non está soa nin vai por libre, e a resposta da militancia tamén. Pontón reafirmou o seu lugar como dirixente, xa non é un liderado outorgado, é gañado. E a cidadanía que observaba con interese respirou aliviada sabendo que xa era o BNG de Ana Pontón.
“E Pontón é moito máis que unha portavoz, é unha líder como acaba de confirmarse cando forzou á organización, e a todo o cinturón de simpatizantes que se identificaban con ela, a decidir se querían que fose a dirixente ou non”
A carga é grande agora pois o que ela propón é o reto de liderar unha maioría electoral e conquistarlle a Xunta ao PP de Feijóo e gobernar o país. Un país que xa non é o de hai dez anos, está baleirado. Baleirado de institucións financieiras propias, baleirado de xeracións novas, baleirado de lingua propia tras unha política contraria.
Para conseguir un BNG preparado para esa responsabilidade ten que conseguir que a organización e a militancia siga abríndose desprendéndose do resistencialismo interiorizado nunha difícil e longa peregrinaxe até aquí.
E, o máis difícil, ten que alcanzar lugares decisivos da sociedade onde antes non chegou o nacionalismo galego. Para gobernar, un partido ten que ser recoñecido pola sociedade como capaz a facelo. E a sociedade vai de abaixo a arriba, de estribor a babor e de Sul a Norte. Pontón ten que desputarlle desde xa todo a Feijóo, todo até as alfombras e moquetas.