Tui | Tui vivirá un Nadal cheo de música cunha ampla programación que comezará o venres 1 de decembro e se prolongará até o venres 5 de xaneiro, centrada na solidariedade e sostenibilidade.
O acendido da iluminación, o venres 1 ás 18.30 h, marcará inicio desta programación festiva encherá a cidade da maxia e ilusión propias destas datas. O Paseo da Corredoira, onde se instalará unha carpa, e o Teatro Municipal de Tui serán os dous escenarios principais das actividades previstas. Pero o percorrido polas distintas rúas será outro dos atractivos nestas datas grazas á decoración sostible que comezou xa a ser instalada.
A música terá gran protagonismo dende o primeiro día co actuación das Arrancaxestas de Ribadelouro tras o acendido das luces. O sábado 2 será a quenda da Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro. Mentres as corais do Centro Social, San Telmo e Ponte das Febres actuarán na Corredoira o sábado 9 e o domingo 10.
Estas tres agrupacións achegarán tamén o seu repertorio de panxoliñas ás residencias tudenses e ao centro de día. Á rúa encherase tamén coa música do alumnado do Conservatorio e da Escola de Música o xoves 14, venres 15 e xoves 21. Mentres o Teatro Municipal acollerá o Concerto de Nadal da Eurocidade o sábado 16 a cargo de Mistura Vocal, Vocalis Contrasta, a Academia de Música da Fortaleza de Valença e Kasual Quartet.
O mércores 20 neste espazo actuará o alumnado do Conservatorio e da Escola de Música no seu concerto de Nadal. Mentres o venres 22 a Banda de Música Popular de Tui, e as corais Ponte das Febres, Centro Social e San Telmo ofrecerán o Concerto de Fin de Ano.
Na Biblioteca Municipal haberá obradoiros infantís nas mañás do 26 ao 29 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro. Precisamente este centro bibliotecario volverá celebrar do 13 de decembro ao 5 de xaneiro o seu Mercado Solidario de Libros. E carácter solidario terá tamén o calendario de 2024 que edita a Eurocidade Tui-Valença.
Non faltará unha proposta deportiva e festiva coma é a II San Silvestre Solidaria Correr e Andar coa que se despedirá o ano o domingo 31 de decembro. A programación pecharase coa Cabalgata Internacional de Reis o venres 5 de xaneiro.
Deste xeito Tui vivirá un Nadal repleto de propostas para gozar destas datas que contribuirán á animación festiva e comercial da cidade.