Ponteareas/PPdeG | A candidata popular á alcaldía de Ponteareas, Nava Castro, comeza a desvelar os nomes dos integrantes do equipo co que aspira á maioría absoluta nas vindeiras eleccións municipais. Así, fai público ao seu número dous, Rafael Martínez Fernández, un profesional amplamente coñecido e moi ben valorado na vila.
Rafael Martínez, ten 48 anos e é Licenciado e Doutor en Dereito pola Universidade de A Coruña e Máster en Recursos Humanos, cara onde orientou a súa carreira profesional desde 2001. Conta cunha ampla traxectoria en empresas de primeiro nivel de diversos sectores industriais como o automobilístico, a construción, a alimentación ou o téxtil. Comprometido coa vila, ten participado en numerosas iniciativas culturais e musicais, sendo socio fundador organizado do festival Rock in Río Tea.
Coa incorporación de Martínez Fernández á lista, Nava Castro incorpora “un perfil experto e con ampla experiencia e comprometido social e culturalmente, traballador incansable polo pobo, moi dinámico e cunha amplísima capacidade da que da fe o seu currículo profesional”, en palabras da candidata á alcaldía. Castro destaca que Rafael “une talento e responsabilidade e acadou un oco na área do emprendemento local dando oportunidades aos máis mozos para desenvolverse persoal e profesionalmente. Representa, sen dúbida, unha aposta firme por levar o Concello de Ponteareas a outro nivel e recuperar a esperanza dos ponteareanos máis mozos”.
Pola súa banda, Rafael Martínez considera “un reto, a oportunidade de aportar e axudar. Pode parecer algo inxenuo, pero para min é o máis importante. Sempre escapei da política, agora vexo que se poden facer cousas boas para o pobo e apetéceme”. Ademais indicou que “Nava inspírame confianza e me transmite ilusión, ela ten experiencia na xestión pública e eu na empresa. Facemos un bo equipo”. Ao longo dos vindeiros días, a candidata popular irá desvelando os nomes do resto dos integrantes da lista coa que concorrerán ás eleccións municipais de maio e coa que aspiran a facerse co goberno da vila.