Ana Pontón, portavoz nacional e candidata á Xunta de Galicia polo BNG, está certa que os resultados serán positivos para a formación nacionalista durante as eleccións do 12 de xullo, mesmo chegar a ser a segunda forza política do país. É consciente de que o momento social, económico e político é o máis diferente que se viviu en décadas. Con todo, as propostas que defende tanto para a indusria, economía e mocidade cre que se poden aplicar dentro dun marco tan liberal como a UE.
-Como militante, cal é a interpretación que fai das enquisas electorais?
Sempre digo que debemos ser precavidos coas enquisas, porque ademais estamos en tempos de moita volatibilidade, hai tempo de aquí ao doce de xullo. Con todo, observamos que o BNG é a forza que máis sobe no país, somos a forza que é capaz de ilusionar a esa maioría do país que quere un cambio en clave de país. Estou convencida de que o doce de xullo, se hai unha grande participación, o BNG dará a campanada. Abrirá un tempo novo para este país, faremos historia, porque por primeira vez poderiamos ter á fronte da Xunta a unha muller e unha nacionalista.
-O contexto atípico que vivimos agora mesmo como está afectando á campaña do BNG?
A anomalía máis grande foi ter un candidato do PP que utilizou os medios públicos para facer campaña encuberta. Isto é reprobable porque as demais forzas políticas aparcamos a campaña e o candidato do PP utilizou os medios públicos para facer unha descarada campaña electoral. Nós encaramos esta campaña con ilusión, porque estou convencida de que toda a propaganda e toda a manipulación informativa da CRTVG, non tapa que levamos once anos retrocedendo. Temos menos emprego, menos sanidade pública, menos servizos públicos. O país necesita entrar nun tempo novo da man do BNG. Creo que é posible, se hai unha grande mobilización o vindeiro doce de xullo.
-Retroceso é non asumir as competencias sobre a AP-9?
O grave é que temos once anos onde Galiza non conseguiu ningunha nova competencia. E non a conseguiu porque o PP non quixo incrementar o poder político de Galizia. Perdemos poder político, perdemos as nosas caixas, un poder económico ao servizo da economía galega. O que nos salvará é ter un goberno que confíe en todo o potencial do país. Confiamos nas posibilidades que temos, nas posibilidades do país porque hai suficiente capacidade e enerxía para facelo. Mais para iso, precisamos un goberno que poña por diante os intereses de Galiza, que teña unha visión de futuro e que estea disposto a plantarlle cara a este “madricentrismo”. Madrid estase a converter nun burato negro que absorbe os nosos investimentos, o noso talento e mesmo unha parte da nosa poboación. Temos que cambiar as tornas.