Allariz/BNG | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou nun encontro coa veciñanza da localidade de Allariz para explicar a importancia para Galicia de ter voz propia en Madrid e a necesidade de acadar grupo parlamentar do BNG propio para seguir a defender os intereses das galegas e galegos, con máis forza aínda. No que vai de mandato non houbo tema que afectara ao noso País que non fora levado ao Congreso.
Durante o encontro, o deputado nacionalista destacou a defensa “coherente e insubornábel” dos intereses da Galicia e da clase traballadora desde a súa toma de posesión no Congreso.
Unha voz galega comprometida coa defensa do País desde o primeiro minuto, como se puido comprobar co Acordo de Investidura acadado pola formación do BNG que logrou desbloquear a Axenda Galega após catro anos sen representación do nacionalismo galego na cámara española.
“Unha voz galega comprometida coa defensa do País desde o primeiro minuto”
“É evidente o escaso interese do Goberno PSOE-UP por cumprir o Acordo de Investidura asinado mais tamén é verdade que marcou un horizonte claro de actuacións e compromisos coa Galiza que permite á sociedade galega reclamar a súa execución para materializalos en avances concretos” explica o deputado nacionalista.
Mais, alén de desbloquear a Axenda Galega, a organización frentista retomou o traballo institucional na cámara do Estado para continuar a defender os intereses da Galiza.
A través das iniciativas rexistradas abordáronse todos os temas que afectan ao noso País e que dependen do Goberno do Estado. Así, o BNG seguirá a exixir unha transición xusta nos concellos afectados polo fechamento das centrais térmicas.
“Apostamos por un modelo de produción enerxética que garanta a preservación do noso territorio e o noso medio frente ao espolio das grandes multinacionais, tal e como o estamos a ver agora cos múltiples macroproxectos eólicos que ameazan o noso medio natural, o noso mar e o noso patrimonio” enfatiza Rego durante a intervención.
“Reclamamos a modernización das infraestruturas de comunicación do noso País e prestamos especial atención a nosa rede ferroviaria”
“Reclamamos a modernización das infraestruturas de comunicación do noso País e prestamos especial atención a nosa rede ferroviaria, un medio de transporte sustentábel co medio ambiente e que favorecería o desenvolvemento da Galiza” subliña Rego.