Adicado ás persoas do colectivo LGTBIQ+, que acotío se teñen que enfrontar ao odio e á intolerancia.
O peregrino vai ascendendo cara o Cebreiro. Xa é primavera pero vai frío e, nun momento dado, comeza a nevar. As folerpas de neve caen mansiñas sobre sobre o camiño e a montaña; el recibe esa nevarada tardía con ledicia, coma se dunha especie de bautismo máxico se tratase. A medida que ascende, a neve convértese nun ininterrumpido manto branco. Vai canso, porén a beleza da paisaxe compensa o esforzo.
Por fin, ve os teitos das pallozas do Cebreiro nevados e síntese feliz por ter finalizado a dura etapa. Busca o albergue e, como nos baños non hai ninguén máis, dúchase cantando a voces. Finalmente, sae tomar algo. Desexa tamén visitar a soada ermida do Cebreiro, onde disque se garda o Santo Grial galego; e contempla un tempo o cáliz que deu orixe ao escudo oficial do país; faille unha foto e, despois, tras observar o escaparate dunha tenda de suvenires, dirixe os seus pasos cara un bar que vira antes.
Mentres agarda polo pedido, colle unha postal e escribe nela: ” Xa entrei en Galicia e está nevando. Xa queda menos”. Os tertulianos do bar falan con fastío e resignación da neve, que a el tanto lle gusta. Fican incomunicados e entende a súa postura, porén as vistas son tan fermosas, que el se alegra da adversa climatoloxía. Ao rematar, regresa ao albergue e disponse a durmir… Érguese caladiño aínda de noite, recolle todo e coa alborada retoma o camiño. Sigue nevando e xa hai máis dunha cuarta de neve no chan: inicia así a andaina dese día.
Mentres avanza, pisando a impoluta neve coas súas botas de gore-tex, síntese tan inocente e tan puro como aquela neve que o envolve todo. Repara nun sinal que indica que está a 148 Kms. de Santiago de Compostela e fai unha pequena pausa para beber auga e comer unhas noces peladas.
O camiño vai subindo e ve dúas aldeas que aínda están durmidas: Liñares e Hospital. Failles fotos co móbil e tamén aos montes e campos nevados do arredor. Vai lixeiro de equipaxe pero, aínda así, a mochila moléstalle un pouco nos ombros. Neva con persistencia, mentres ascende en dirección ao Alto do Poio.
Ao chegar, fai unha foto ao monumento ao peregrino e sigue andando cara Fonfría, Viduedo e Triacastela. Desde Fonfría o camiño descende e faise máis doado de andar. Deixa de nevar e, cando chega a Triacastela xa non hai rastro de neve. Vai ao albergue e dálle un descanso aos pés.
Despois sae en busca dun bar. Alí mira o xornal, que colle do mostrador, reparando nunha nova que le con interés: “Neve na montaña: Unha nevarada tardía cobre de neve os Ancares e impide que os escolares da zona poidan acudir a clase…” E sorríe coma un neno… ao lembrarse da maxia da neve. Despois le tamén a nova dunha agresión homofóbica e mergúllase de novo na triste realidade…