Nicaragua.

Resulta inaceptable a represión sistemática que o réxime de Daniel Ortega realiza contra a disidencia nicaraguana. Á farsa electoral da reelección presidencial de Ortega en novembro pasado, onde os candidatos opositores foron previamente inhabilitados, encarcerados e algúns deles incluso exiliados, segue a ritmo imparable este 2022, no que a cada vez mais visible ditadura personalista do matrimonio presidencial Ortega-Murillo está asentando o seu nepótico poder ante unha comunidade internacional que prefire mirar para outro lado.

Once universidades nicaraguanas foron pechadas de manera abrupta polo réxime. A isto debe engadirse a recente condea á pena máxima de quince anos de prisión da mítica ex guerrilleira sandinista Dora María Téllez por presunta “conspiración”. Estes días tamén tivemos coñecemento do falecemento do histórico comandante sandinista Hugo Torres, preso político do réxime por apoiar as protestas cívicas de mediados de 2021. O propio irmá de Daniel Ortega chegou a criticar as “pésimas condicións” de Torres na prisión. Así, o tándem Ortega-Murillo non para na súa represión para facer de Nicaragua a súa facenda persoal.

Fai moito tempo que Daniel Ortega decidiu pasar páxina dese sandinismo que na década de 1980 levantou tantas esperanzas de cambios. Por moito que desde 2006, a Fronte Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) volvera ao poder con Ortega, quedaba claro que xa pouco quedaba dese sandinismo orixinario. A condea contra Dora María Téllez ten un precedente cando, anos atrás, Ortega fixo o propio contra outra icona sandinista, o poeta Ernesto Cardenal (falecido en 2020).

“Fai moito tempo que Daniel Ortega decidiu pasar páxina dese sandinismo que na década de 1980 levantou tantas esperanzas de cambios”

Todo isto evidencia a pretensión de Ortega por purgar a “camaradas” do pasado hoxe incómodos por ser críticos coa versión “neo-somocista” do réxime “orteguiano”. Incluso o espazo sandinista tentou vertebrarse por fóra do FSLN de Ortega-Murillo, creando o Movemento Renovador Sandinista (MRS).

Porque esa simbiosis do “orteguismo” co “somocismo” en pleno século XXI da a entender que a Ortega lle movían as ambicións de poder por riba das transformacións revolucionarias que o sandinismo encarnou no seu momento.

A case dúas décadas do seu retorno ao poder, Ortega ten configurado un sistema político absolutamente nepótico, onde a súa segunda esposa Rosario Murillo ten tamén un papel esencial, así como varios dos fillos do matrimonio en altos cargos de goberno. Destaca neste apartado o caso de Laureano Ortega Murillo, asesor para os investimentos gobernamentais e principal persoa de contacto co empresario chinés Wang Jing para negociar a concesión para a construción da Canle Interoceánico en Nicaragua, proxecto que desde 2016 tenta rivalizar coa histórica Canle de Panamá.

Moitos ven os resortes do actual réxime Ortega-Murillo no pacto que no 2000 selaron o propio Ortega (entón principal líder da oposición) co ex presidente Arnoldo Alemán (acusado tamén de corrupción administrativa) para repartirse o poder dos principais organismos estatais (poder xudicial e organismo electoral, principalmente). Dúas décadas despois, o pacto Ortega-Alemán mantense inalterable e xa ten permeado por completo todas as estruturas de poder, o estamento político e os medios de comunicación.

Ó mesmo tempo, Ortega trazou unha política exterior moi definida cara o hoxe alicaído “eixe da ALBA” con Venezuela, Cuba e Bolivia, pero tamén con China e Rusia como principais socios comerciais. Toda vez, o pragmatismo tamén está presente na súa política con EEUU aínda que con menos intensidade no caso da Unión Europea, principal detractor do seu réximen. Bruxelas acusa a Ortega de desmantelar o estado de dereito en Nicaragua e de aplicar unha política sistemática de represión e violacións de dereitos humanos contra a disidencia. Triste realidade para unha Nicaragua que, no seu momento, tantas esperanzas acubillou daquel mantra de que ‘outro mundo sí é posible’.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.