A pesar dos intentos de Marrocos, agora co apoio do goberno de Pedro Sánchez, de diluír a realidade da causa saharauí, non conseguiron cambiar a natureza do conflito, considerado pola ONU, a Corte Internacional de Xustiza e todas as xurisdicións europeas como unha cuestión de descolonización.
Desde a ocupación do Sahara Occidental en 1975, Marrocos tentou por todos os medios lexitimar a súa ocupación cambiando a noción do dereito de autodeterminación coa proposta de autonomía.
A natureza xurídica do conflito foi decidida polas Nacións Unidas en 1965, cando por primeira vez a Asemblea Xeral pide a España iniciar o proceso de descolonización, e ratificada en 1975 pola Corte Internacional de Xustiza que ditaminou que “non existen vínculos de soberanía entre o Sahara e Marrocos (…) Debe aplicarse por tanto, o principio de autodeterminación”.
O conflito segue estando en esencia ligado ao dereito dos saharauís para decidir o seu futuro mediante a celebración dun referendo.
O cambio de posición do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, sobre a cuestión do Sahara Occidental, é a consecuencia da presión exercida sobre o dirixente español por Marrocos, especialmente a través do mapa da inmigración ilegal, o terrorismo e o que concierne ás fronteiras de Ceuta e Melilla, e supón unha concesión máis á chantaxe do réxime marroquí.
A pesar de que, en España, as decisións en política exterior deben ser aprobadas polo goberno, e ao ser este un órgano colexiado debería contar co coñecemento e aprobación dos ministros, Pedro Sánchez decidiu unilateralmente cambiar a tradicional postura, de aparente neutralidade, con respecto a este conflito. Ademais de non contar Sánchez co apoio do Congreso dos Deputados que, o pasado día 7, aprobaba unha Proposición non de Lei, co único voto en contra do PSOE, que pedía o apoio a un referendo no marco das Nacións Unidas. Polo que a posición do Goberno Español ademais de ser unha grave irresponsabilidade carece de toda lexitimación. Non podemos nin debemos esquecer que España segue sendo a potencia administradora do Sahara Occidental e ten a obrigación de concluír coa descolonización do territorio.