-Cales son as tarefas primordiais para abordar antes das eleccións?
Sobre todo moitas obras que están en marcha, iso é o que máis nos importa. O caso é que o traballo máis importante está feito. Cando tomei posesión como alcalde, dixen que iamos sanear o Concello, dotalo de fortaleza física. Eramos un dos concellos máis endebedados de Galicia e agora somos dos máis solventes. A baixa do desemprego, a baixa dos impostos ao mínimo legal, este tipo de cuestións xa as fixemos no seu momento, por iso agora estamos máis centrados nas obras. Se falásemos de porcentaxe de cumprimento, diría que moi alta. Mais somos un cuatripartito, evidentemente desenvolver o teu programa político único, é practicamente imposible, aínda así, o pacto de goberno creo que temos un alto nivel de cumprimento, sobre todo nas formas, na apertura de fiestras cara a transparencia e novas formas democráticas en Lalín. Penso que iso xa o cumprimos amplamente. A vindeira corporación que veña, sexa comigo ou con outra persoa, verá un concello solvente, coa caixa chea e preparado para afrontar retos importantes e grandes obras, porque agora si é posible.
-Como alcalde no cargo, é partidario de limitar o número de lexislaturas que poda estar unha persoa á fronte dunha administración?
Eu anunciei que estaría un máximo de oito anos. Sempre fun partidario dunha limitación de mandatos para un determinado cargo, non quere dicir isto que debas deixar a política. Mais o modelo sería para min, semellante ao anglosaxón, téñoo bastante claro. Pode haber circunstancias excepcionais, isto é así, mais a miña idea é esa, como nos EE UU, cando no segundo mandato, o do “pato coxo”, porque como saben que non vas repetir, xa te tratan doutro xeito, pero así é a democracia. Ninguén é imprescindible en política, e ninguén é ninguén.
-Cre que o PP pode subir en votos na provincia de Pontevedra?
Penso que non se dan as circunstancias en absoluto ademais. Non teño ningún indicador onde digan o contrario. Leo todos os días portadas de xornais onde todos os días se ve que teñen problemas ademais de enquisas mostrando a perda de votos cara a ultradereita, o que quere dicir que a ultra dereita estaba no PP. Non hai unha soa enquisa que diga que o PP sube, todo o contrario, cousa que é preocupante, dígoo polo de Vox.
-Deixando á parte a política en si, vostede é partidario dun maior peso da comarca fronte a provincia?
Si, eu falei moitas veces da fusión de concellos, creo que é o futuro, sen dúbida. Creo máis no conceito comarcal que provincial. Non creo tampouco na existencia das deputacios, pois vexo que comarcas tan amplas como a de Lalín, con seis concellos, dotados dos servizos necesarios, tería máis posibilidades e presenza que coa estrutura provincial que xa coñecemos.
-Cre que se pode frear o éxodo rural?
É un tema complicado. En Lalín somos dos poucos concellos galegos que está recuperando poboación. Tamén é certo que viñeron moitos irmáns venezolanos, tamén vemos que está baixando o desemprego, tamén vemos no rexistro do Concello que vén xente da costa para vivir en Lalín pois está buscando traballo. A cuestión é que hai un despoboamento preocupante no rural ademais dun envellecemento, que xa preocupaba a Manuel Fraga no seu tempo. Non obstante, é un tema complicado tanto a nivel autonómico como estatal. Se se facilitase a creación de empresas e postos de traballo, a xente pode animarse máis a ver que ten futuro e ter fillos. Se ve o contrario, se non hai oportunidades laborais, se os salarios e as condicións laborais, á xente cústalle máis quedar. Penso que é evidente isto que digo. En Lalín por cada 2,5 persoas que morren, nace unha, e dentro duns anos precisaremos para todo o país miles de inmigrantes para traballar as nosas terras. Non se incorpora nova xente moza ao mercado laboral.
-Cal é o maior atractivo que ten Lalín nestes momentos?
Somos a maior potencia gandeira de Galicia. Temos o maior cabana de gando vacún e logo é un concello industrializado. Tamén a nosa gastronomía que xenera a nosa galiña dos ovos de ouro e temos un dos comercios de referencia en Galicia.