Efectivamente, na nosa sociedade, hai os que non poden crer e os que non queren crer. Son variables moi pequenas no aparente anque enormes na fondura do pensar. Uns non poden porque non cren ou non teñen argumentos para facelo. Mais outros non queren crer por razóns case sempre interesadas, entre as que se conta tamén o beneficio, o deixarse de problemas que non reverten benestar ou proveito. Non sei como se pode mirar para outro lado, sen querer ver o que pasa ao noso redor, sen querer ver que nós, neste caso, tamén temos presos políticos acusados de causas e cousas que “supostamente” fixeron, aínda sen probas evidentes pero que deron lugar a conclusións un tanto arbitrarias de condena. E ninguén volve pola fouce! Seica non é rendible. Sofren o que se chama a culpabilidade preventiva, froito da desconfianza, ou o que é peor, coma neste caso: o escarmento lesivo, exemplificador, unha lección de orde e vergoña pública.
Por outra parte vemos, e isto é o que menos entendo, fánsenos máis visibles por así o dispoñen os medios de convencemento público, aqueles outros presos políticos doutros pobos e nacións, cousa encomiable -por suposto- pero que non nega a nosa realidade máis próxima, esa que ninguén acorda, a dos nosos, os de aquí mesmo. Da nosa xente, no cárcere, independentista que defende a idea que defenda, sen causas de sangue nin delito indubidable, moito menos manifesto. Ben sei que ninguén acorda porque os acordos son moi selectivos e, ao final, non supón moitos votos á hora das eleccións, que é ao que hoxe están os que tanto agora esquecen, os que non se definen agora, seica non é momento, en canto ao independentismo e soberanía. Pero a min, perdoádeme que o diga, non deixa de molestarme e indignarme, e mesmo avergoñarme este silencio atronador, tan oportuno como covarde. Non dou creto aos que non queren crer a realidade que temos e asumir, na conciencia debida de pertenza, a soberanía da Matria e nación. Resulta insultante ese esquecemento, ese non querer ver, ese toque indiferente de tampouco querer crer, cando pola contra acordan dos de máis aló. É falsidade en calquera momento, pero sobre todo cando privan outros intereses por riba dos nosos. Xa non é a primeira vez que leo-escoito a solidariedade aos presos independentistas cataláns, que eu tamén asumo, agora por mor de retirarlles o terceiro grao, mais onde está, onde queda a solidariedade aos nosos? Nin se citaron tampouco no día 25 de xullo nas arengas de rigor, e iso sucede desde hai anos, o pasado ano tampouco, anque si se acordaron -o ano pasado, tamén, dos de máis alá- do atropelo xudicial en plan vinganza que exclúe a vontade de acabar coa xudicialización da causa independentista, coa represión e negación do dereito a decidir dos pobos. Que tamén a nós nos afecta. Pero non é de recibo que por riba estas cousas se fagan tan sibilinamente, sen que ninguén o saiba, co enorme silencio duns e coa represión sen diálogo, dos outros. Pagan os de sempre e non acordan dos independentistas, presos e presas, nosos e nosas.
Mentres non acordan quen nos representa, eu quero premiar coas miñas agradecidas verbas a aquela xente fiel e silandeira, insubornable que, no medio de moitísimas dificultades, segue a facerlles visitas periódicas, a escribirlles e mandarlles alentos, a darlles o puntual afecto da lembranza coa lealdade que outros teimosamente negan. Sobre todo agora, coa suma de imposibles, e andan a denunciar a vulneración dos dereitos nestas circunstancias e sen lles dar solucións, padecendo a suspensión de vises e visitas, de avogados, paralización de todo tipo de axuda, tratamentos e todo sen medidas compensatorias nesta situación de alarma, que supón un recrudecemento penitenciario insufrible.