“No es una bagatela que un semanario celebre sus Bodas de Plata” (“El Tea”, 1933.09.24) Estas palabras de Amado Garra (Ponteareas 1873-1948), fundador e director do xornal republicano-agrarista e ponteareán El Tea (1908-1936) son, sen dúbida, a mellor referenza histórica da que podemos botar man para celebrar en 2024 o corenta aniversario do xornal A Peneira. Porque efectivamente, se en 1933 non era unha bagatela que un xornal decenario cumprise 25 anos de existencia, hoxe tampouco o é que A Peneira acade os 40 anos converténdose deste xeito no xornal de máis longa vida na historia de Ponteareas, superando o record que ostentaba o xornal de Amado Garra.
El Tea acadou case 28 anos de existencia e non puido continuar a súa exitosa traxectoria como consecuencia dun golpe de Estado que o 18 de xullo de 1936 aniquilou a democracia e os dereitos e liberdades. Tivemos que agardar corenta e catro anos de silencio, de longa noite de pedra, para que, tras a morte do ditador, A Peneira, en 1980, collese o relevo e resucitase o xornalismo democrático e galego como instrumento e ferramenta de cambio social e político.
A historia voltaba así a repetirse. Se en 1908 Garra e os republicano-agraristas, con grande esforzo e empeño, poñían en marcha un proxecto xornalístico cunha finalidade indisimulada de contribuir a mudar a sociedade e liberala das décadas de abafante dominio dunha oligarquía caciquil e antidemocrática como era o bugallalismo, A Peneira, impulsada polo seu incombustíbel e incansábel fundador e director Guillermo Rodríguez, naceu coa intención de contribuír a liberar á sociedade ponteareán e do resto do Condado, do asfixiante control dunha nova oligarquía caciquil e fascistoide, resultado de 40 anos de ditadura, que se manifestaba no castrismo ponteareán e nos dirixentes conservadores locais do resto da comarca.
“El Tea constituyó mi constante afán y me proporcionó muchos sinsabores y sacrificios. Mucho tendría que decir si hablara de sus vicisitudes, durante mi dirección y la de los que me siguieron. Menudearon las persecuciones y los procesos. Si fuera a recordaros unas y otros, haría la historia del calvario recorrido de cual fueron testigos algunos de los que aquí me escuchan otros murieron, otros se pasaron al enemigo, no pocos…”.
As verbas de Garra na homenaxe tributada en 1933 en Ponteareas polo 25 aniversario de El Tea a ben seguro poderían ser pronunciadas polo “Garra” dos nosos tempos, Guillermo Rodríguez, porque efectivamente, sensabores e sacrificios sobraron ao longo destes corenta anos e non faltaron persecucións e mesmo procesos xudiciais vencellados ao papel de A Peneira como altofalante sociopolítico.
“As verbas de Garra na homenaxe tributada en 1933 en Ponteareas polo 25 aniversario de El Tea a ben seguro poderían ser pronunciadas polo “Garra” dos nosos tempos, Guillermo Rodríguez”
Se El Tea de Garra, ademais de contribuir a aquela loita pola democracia e ao avance da sociedade, foi un legado sen parangón para coñecer a historia local de Ponteareas e a vida social, política e cultural da nosa localidade durante 28 anos trascendentais da nosa historia, A Peneira tomou, con responsabilidade e éxito, o relevo daquela cultura xornalística e a historia de Ponteareas dos últimos corenta anos ficou para sempre recollida nos seus milleiros de páxinas.
El Tea foi máis ca un xornal. Era un instrumento de información, formación e axitación ao servizo dun movemento sociopolítico. A Peneira, tamén nun intre político complexo e convulso, como foron os anos 80 e os comezos dos 90, non dubidou en estar ao servizo doutro movemento sociopolítico. Dende comezos do século XX e até 1936 o cambio sociopolítico de Ponteareas foi impulsado e protagonizado polo agrarismo e o republicanismo até o punto de acadar o poder local na II República, co apoio, xusto é dicilo, do socialismo. Dende o fin da ditadura de Franco e até a actualidade o cambio sociopolítico de Ponteareas foi impulsado e protagonizado polo ecoloxismo e o nacionalismo galego, até o punto de acadar o poder no ano 2015 e exercelo durante oito anos, de novo co apoio do socialismo. Nos dous casos foi unha loita de David contra Goliat.
Do agrarismo ao ecoloxismo e do republicanismo ao nacionalismo, a historia repetíuse. E se Garra e o seu xornal deron ao agrarismo e republicanismo voz, a través da súa liña editorial e das súas informacións, e apoio loxístico, a través das súas instalacións e rotativa, o ecoloxismo e o nacionalismo teñen contraída, polo mesmo motivo, unha impagábel débeda con A Peneira.
Como fundador e primeiro presidente do Grupo Ecoloxista Adenco (1990-1995) e como primeiro voceiro do BNG en Ponteareas (1995-2009) eu podo dar fe e certificalo coa conciencia agridoce de que esa débeda non foi saldada, malia ter a oportunidade, polos novos e vergonzantes “politiquillos” vacuos e mediocres que, pisando moqueta de forma casual e oportunista, e dende a ignorancia e o indolente desprezo por ese pasado ao que tanto se lle debe, fixeron da soberbia e o desagradecemento a súa forma de gobernar en nome do nacionalismo local -con lamentabeis resultados para Ponteareas- e da miserábel ingratitude e o agravio comparativo a súa relación con quen merecería ser homenaxeado e colocado nun pedestal de honra na historia do galeguismo e nacionalismo ponteareán: A Peneira e Guillermo Rodríguez. Tamén Garra o vivíu nas súas propias carnes: “Soy hombre netamente político, con pasión política, pero con un defecto muy grande siempre por mi reconocido, el defecto de hacer política sincera y honrada que no produce beneficios, pero que sirve para que sobre las espaldas de uno se eleven y triunfen los aprovechados arrivistas”. De novo a historia se repite, pero afortunadamente Garra pasou Historia, con maiúscula, e daqueles aproveitados que finaron sen pena nin gloria xa ninguén se lembra.
Dicía Amado Garra sobre El Tea en 1933: “Brindemos porque celebre las bodas de oro. Los hijos o los nietos de los aquí presentes, que vamos para viejos, que nos recuerden con cariño y enaltezcan nuestra memoria; si el periódico ha producido beneficios al país, si las ideas que hemos sembrado han fructificado que vivan en el recuerdo de los que nos sucedan y que nos hagan justicia aunque nos superen; cuando enlacen el acto de hoy con el que celebren en 1958 espero que me digan “cumplió siempre con su deber”.
A Peneira, ao igual que El Tea, producíu beneficios ao país e as ideas que sementou froitificaron, e moitos sentímonos resultado desa sementeira. Agora só falta que, ademais de brindar polas vodas de ouro de 2034, A Peneira e Guillermo Rodríguez sexan tratados e, no seu día, recordados con agarimo e a súa memoria enaltecida.
“A Peneira, ao igual que El Tea, producíu beneficios ao país e as ideas que sementou froitificaron, e moitos sentímonos resultado desa sementeira”
A Peneira e Guillermo Rodríguez son tamén froito do que Garra e El Tea sementaron no seu día. A Peneira e o seu director fixeron a xustiza que Garra arelaba en 1933 e hoxe, cando enlazamos o acto daquel ano co aniversario que celebramos hoxe, e non en 1958 por infaustas razóns, podemos dicir que, ao igual que Amado Garra e El Tea, Guillermo Rodríguez e A Peneira cumpriron co seu deber.
Parabéns Guillermo polo exemplo de compromiso e perserverancia que es e segues sendo, digno do exemplo do gran Amado Garra.