Valentín González Formoso (As Pontes, 1971) foi elixido o pasado 30 de outubro como novo secretario xeral do PSdeG/PSOE. É tamén alcalde do Concello de As Pontes de García Rodríguez desde 2007 e presidente da Deputación da Coruña desde 2019.
Acaba de ser elixido como novo secretario xeral do PSdeG, qué prioridades impulsará para esta nova etapa?
Temos como prioridade e como reto principal volver a conectar coa sociedade galega, facer do PSdeG un instrumento útil ao servizo da sociedade no que unha ampla maioría das galegas e dos galegos poda sentirse representada.
Faremos unha labor propositiva, en contacto permamente coa rúa e cos diferentes sectores do país, porque entendo que a política non debe limitarse a sinalar os problemas, a buscar culpables ou a botar balóns fóra; senón que temos a obriga de escoitar á sociedade e propor solucións, de ofrecer alternativas solventes e realistas ás cousas que non funcionan ou non se están a facer ben. Imos demostrar con propostas que é posible outra forma de gobernar en Galicia, que o PSdeG ten criterio nos asuntos de país, que temos ideas, talento e ganas para construír unha alternativa política sólida que aspire a ser maioritaria en Galicia.
“Imos demostrar con propostas que é posible outra forma de gobernar en Galicia, que o PSdeG ten criterio nos asuntos de país”
Xa o facemos no mundo municipal, onde gobernamos as principais cidades e tres das catro deputacións de Galicia, demostrando cada día cos feitos que é posible outra forma de gobernar, máis cercana ás necesidades e demandas da cidadanía. Tamén no Goberno de España, onde o Partido Socialista foi sempre o impulsor da transformación e modernización do país. Da man de gobernos socialistas viñeron sempre os grandes avances sociais, os dereitos e liberdades, o escudo social sen precedentes que protexeu ás familias e aos traballadores e traballadoras durante a pandemia.
O vindeiro 7 e 8 de decembro será o Congreso do PSdeG. Teremos a Valentín González Formoso como candidato para a presidencia da Xunta de Galicia en 2024?
Eu estou a disposición do partido. O meu compromiso é absoluto, tamén para ser candidato á presidencia da Xunta de Galicia, se así o deciden as compañeiras e compañeiros, porque esa decisión corresponde á militancia.
Serán as militantes e os militantes do PSdeG-PSOE as que tomen esa decisión cando corresponda mediante a elección a través dun novo proceso de primarias. Un exercicio de democracia interna que quero poñer en valor ante a sociedade, porque só se fai no Partido Socialista e outorga un importante poder de decisión á bases.
Coa súa vitoria, podemos agardar un maior peso do PSOE coruñés dentro da nova dirección xeral?
Non. Este é un proxecto para Galicia, no que van estar representadas todas as provincias, todos os territorios, como non podía ser doutro xeito. Como xa dixen en reiteradas ocasións, non vou contribuir a oficializar unha división artificial entre norte e sur que, desde o meu punto de vista, non existe en absoluto na sociedade galega.
Horizonte 2024. Qué fai falla para derrotar a Feijóo nas eleccións á Xunta?
Traballo, traballo e traballo. Como lle dicía ao principio, aspiramos a liderar a unha alternativa ao PP que conte cun amplo respaldo social en Galicia, pero non cunha oposición destructiva ou que se limite a criticar o que se está a facer mal e a repartir culpas, senón poñendo sobre a mesa propostas, alternativas serias que demostren que é posible outra forma de gobernar en Galicia.
“Aspiramos a liderar a unha alternativa ao PP que conte cun amplo respaldo social en Galicia, pero non cunha oposición destructiva ou que se limite a criticar o que se está a facer mal e a repartir culpas”
A xente desconecta das liortas políticas estériles, que non levan a ningures. O que quere é que sexamos capaces de dar solucións aos problemas que afectan na súa vida cotiá e iso é o que trataremos de ofrecer á sociedade galega.
Para iso é necesario tamén activar todo o talento e o coñecemento que temos dentro do partido, que é moito. A militancia do PSdeG é a que lle pon cara ao proxecto socialista en cada vila e en cada cidade, queremos contar con eles para desenvolver ao máximo todo o noso potencial.
Comprometo que manteremos un contacto permamente con todos os sectores sociais e económicos. Imos estar nos portos e nas granxas, nas cidades e no rural, nos problemas das grandes industrias e dos pequenos autónomos. Imos a estar na rúa, a carón da xente para escoitar as súas demandas e despois poder transformalas en realidade. A iso me refiro cando falo dun partido ao servizo da sociedade. Ese é o espírito fundacional do PSOE, un partido con 142 anos de historia que foi creado para facer unha sociedade mellor, para impulsar a igualdade de oportunidades e a xustiza social.