Ribadavia | Noelia Rodríguez Traveso é a primeira alcaldesa de Ribadavia ao prosperar a moción de censura presentada por PSde G e Ribeiro en Común contra o alcalde César Fernández (PP). O PP gobernaba este concello en minoría fronte ás forzas de esquerda con oito escanos dos 13 que conforman a Corporación municipal.
Noelia Rodríguez Traveso, número catro da lista do PSdeG-PSOE nas municipais de 2019, tras tomar posesión do cargo e recibir o bastón de mando do alcalde saínte, asumiu o cargo “con responsabilidade e ilusión”. A anunciou que haberá un plan específico de infraestruturas, obras e servizos para Ribadavia, pero tamén “reforzo de asuntos sociais” priorizando nas persoas máis vulnerables, así como un plan de dinamización económica do concello. “Comprométome a traballar incansablemente por Ribadavia”, sinalou a nova alcaldesa.
A moción de censura de Ribadavia é a terceira no que vai deste mandato en Ourense, primeira que tomba a un alcalde do PP e que dá a alcaldía e o goberno a forzas de esquerda. Segue ás de Castrelo de Miño e Viana do Bolo, que custaron dúas alcaldías ao BNG en beneficio do PP. Pero a diferenza daquelas, en Ribadavia non foron precisos os tránsfugas para facela prosperar.
O BNG explicou a súa abstención de voto no Pleno da moción de censura sinalando que respondeu ás “consultas coas persoas simpatizantes que formaron parte das candidaturas municipais do BNG en Ribadavia, así como tamén unha asemblea local telemática cos militantes”.
Sinalan os nacionalistas que, con todo, “non somos indiferentes respecto a quen goberna o noso Concello”. E lembran que os resultados dos comicios de maio de 2019 “foron un imperativo para que se constituíse un goberno de maioría alternativa ao PP”. Neste punto, sinalan que se o PP logrou a alcaldía de Ribadavia “foi pola falta dun obrigado entendemento que plasmase a maioría social que se expresou nas urnas o 26 de maio de 2019”