A Guarda | Na reunión mantida á petición do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, coa presidenta de portos de Galicia, Susana Lenguas, á que tamén acudiu o presidente da cámara de Caminha, Miguel Alves, a responsable das instalacións de atraque do ferri trasladou aos mandatarios municipais a grave situación actual do embarcadoiro e a complexidade da reparación que hai que acometer.
A preocupación dos responsables dos concellos da Guarda e de Caminha pola comunicación entre as dúas vilas e a ausencia de noticias fiables en relación a reparación da avaría no peirao, foron o motivo de concertar unha xuntanza entre os alcaldes e Portos de Galicia.
As inquedanzas dos alcaldes foron compartidas pola presidenta de Portos de Galicia que confirmou que, despois da valoración do estado actual do peirao, estase a elaborar un estudo técnico que servirá de base para a redacción do proxecto de rehabilitación. Susana Lenguas foi cautelosa en canto a contía e prazos para executar a reparación. En calquera caso avanzou que a obra podería rondar os 300.000 € e en canto a execución habería que pensar en 2023.
Hai que ter en conta que esta situación de falta de comunicación entre as dúas vilas do esteiro do miño xa non é de agora. Primeiro foi o peche de fronteiras con motivo da pandemia do COVID-19 e dende o verán de 2021 ven motivada pola avaría do peirao.
A falta comunicación entre A Guarda e Camiña resulta moi prexudicial para o mantemento das relacións sociais e económicas entre as dúas vilas raianas: para a veciñanza das dúas localidades, para o transito de turistas e visitantes e para o paso dos peregrinos que seguen o camiño portugués da Costa.
Por este motivo, Antonio Lomba, co apoio dos alcaldes e alcaldesas do Camiño Portugués da Costa e o sector privado vinculado á ruta xacobea, viña demandando da Xunta de Galicia un transporte alternativo ao ferri mentres este non funcionaba. Un transporte alternativo, centrado principalmente en resolver os problemas dos peregrinos, empezou a funcionar a pasada Semana Santa e está permitindo que se recupere a continuidade do camiño a Santiago.
“A demanda da veciñanza e a que se produce en tempada alta polos turistas e visitantes non pode ser cuberta polas embarcacións habilitadas na actualidade debido ao súa reducida capacidade e a imposibilidade de transportar vehículos”. Declaraba Antonio Lomba. Asi mesmo dicía “é necesario recuperar o peirao do ferri, ben sexa para este barco ou para outro que poida necesitalo a curto prazo”. Outro tema que Antonio Lomba abordou na reunión con Portos de Galicia foi a resolución do contrato de cesión da Estación Marítima da Pasaxe ao concello da Guarda. O contrato entre Portos e o concello da Guarda tiña vixencia ata o ano 2029 pero a entidade dependente da Xunta de Galicia, alegando cambios normativos, notificou ao concello a extinción do mesmo.
As consecuencias inmediatas da resolución do contrato son a anulación do procedemento de licitación que se estaba a producir para a explotación da cafetería da Estación Marítima e por outra banda que Portos se volve a facer cargo do inmoble.
Neste sentido o alcalde trasladoulle a Susana Lenguas a petición de que puxeran en marcha algunha actividade no edificio como o concello tiña previsto facelo a través da licitación. “Sería unha pena agora que estaba a punto de adxudicarse a unha empresa local para que empezara a explotala, que Portos decidira quedarse de novo coa Estación para non facer nada nela.” declaraba o alcalde.
Dende o concello da Guarda confían en que o próximo verán, tendo en conta que estamos en ano xacobeo e que se espera unha grande afluencia de peregrinos e visitantes, Portos de Galicia poña en funcionamento as instalacións da Estación Marítima da Pasaxe.
Presentación de libro sobre o Camiño Portugués
Este venres día 20 de maio ás 20:00 horas o Centro Cultural da Guarda acolle a presentación do libro “Camiño Portugués da Costa. Busca e atopa no Camiño de Santiago”.
Trátase dun libro ilustrado e escrito por Ramón Quintas e Noelia Muíños e publicado por Hércules de Ediciones en tres idiomas: castelán, galego e inglés.
Dirixido aos máis pequenos e ás súas familias, os autores agochan nas páxinas deste libro personaxes célebres, festas tradicionais, monumentos, ingredientes máxicos da gastronomía galega e o Apóstolo Santiago.
Todos os nenos e nenas que acudan á presentación levarán de agasallo un póster de colorear da Guarda.
O libro conta con ilustracións das poboacións do Camiño portugués da costa onde hai un ir e vir de persoas, accións, vehículos, edificios, etc. Mentres se observan os debuxos poderanse buscar e atopar diferentes persoas, personalidades importantes da zona, monumentos… e descubrir en cada mirada unha nova historia. Percorrerase o Camiño a través das paisaxes de cada localidade e descubriranse as diferentes personalidades relacionadas con estes lugares. Algúns exemplos: un castrexo na Guarda, o trovador Mendiño en Redondela ou o loro Ravachol en Pontevedra. En cada parada do Camiño agóchase ademáa o Apóstolo Santiago. ¿Serás quen de atopalo?
Noelia Muiños e Ramón Quintas forman xuntos Papelier, un proxecto de creación de ilustración e deseño con sede en Baiona.
Noelia (Ponte Caldelas, 1986) é licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. Con experiencia no ámbito do deseño gráfico e editorial traballou tamén como docente no campo artístico e creativo con nenos e adultos.
Ramón (Gondomar, 1983) é Licenciado en Belas Artes e desenvolve a súa actividade profesional principalmente no ámbito docente con xóvenes e nenos.
Coñecéronse estudando o Máster de Profesorado polo itinerario artístico en Pontevedra e logo emigraron a Austria, onde viviron durante os últimos sete anos. Alí deron forma á marca „Caixa de Mistos“, proxecto de ilustración con colección de papelaría e complementos propios. Baixo este nome realizaron exposicións, participaron en feiras de arte e artesanía, organizaron obradoiros creativos e realizaron numerosos encargos de deseño gráfico e ilustración.
Dende 2018 Caixa de Mistos pasou a denominarse Papelier, tomando toda esa experiencia anterior, pero buscando novos camiños.
O libro sobre o Camiño de Santiago portugués da costa coincide tamén coa volta á terra dos dous autores, que despois da estadía en Austria, decidiron volver para crear dende Galicia.